domingo, 23 de febreiro de 2014

Estudo da toponimia do Concello de FOZ



Esta páxina achega un pequeno estudo da toponimia das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.
É unha páxina viva: irá medrando, en cantidade e calidade.
______________________________________

ABELLEIRA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo remite a un lugar onde había colocadas colmeas. 
É un topónimo moi común en toda A Mariña, do Vicedo ata Ribadeo.
Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

ACAROADA
, A (Cangas, Nois)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. DdD.

AGREBOA, A (Nois)
Probablemente composto de "agra boa", agra moi produtiva.
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". 
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AGUIEIRA
, A (Cordido, Santa Cilla do Valadouro)
Tanto "aguieira" como "aguiar" aluden a lugares frecuentados polas aguias ou nos que aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.

ALAMPARTE (Cangas)
De "alem-parte", un adverbio arcaico co significado de "da outra banda, do outro lado", aplicado a terreos e lugares, posiblemente "ao outro lado do río".


ALBARIZA, A (Santa Cilla do Valadouro, Cangas)
O termo "albariza" designa un sitio onde abundan as colmeas. Cf. DdD.

ALCAVEDRA
, A (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente derive de "arca vetera" 'arca vella', con "arca" referindo a un dolmen ou a un marco divisorio.
No entanto, ao non dispormos de documentación antiga que o sustente, é apenas unha hipótese. A evolución non presenta maiores problemas, sendo o paso de -r- a -l-, por disimilación, unha evolución de análoga á rexistrada no caso de Alcobre < Arcobre (cf. p. 51 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").

ALLEIRA
, A (Fazouro)
Este topónimo pode interpretarse de dous modos distintos:
1)Lugar onde abundan os allos. Pode referirse tanto aos allos comúns como aos allos bravos: dado que as aliáceas abundan en campóns e prados, e teñen certo interés para o gado, algúns destes topónimos aludirían aos allos bravos. Así o propón Coromines (OC, voz Aiades) para topónimos cataláns na montaña como Puig dels Alls o Mas de l’Aller.
2) Confluencia de dous ríos ou regatos, ou alusión a un cóbado do río. Nestes casos derivaría do latín angularia.

Para especular entre unha das dúas interpretacións, sería preciso coñecer o lugar, cousa que non ocorre. Deixámolo para cando alguén que coñeza nos dea pistas de se está preto dun recanto do río ou non.

Existe un Allares e un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove, "O Alleiral" en Muras, etc.

ALMUÍÑA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
Derivada do árabe hispano almúnya 'quinta'. Defínea o dicionario como "horta de árbores frutais, cerrada". Cf. DdD.

ALTO DE CORVELLE (Fazouro)
Probablemente derivado de Corvelli, forma en xenitivo de 
Corvellus, o nome dun antigo posesor, nome de orixe latina.

AMEIRAL (Cangas, Fazouro)
Probablemente de "Amieiral", lugar onde abundan os "amieiros" ou ameneiros.


AMEIXÓN (Fazouro)
O nome "ameixón" podería estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc). O feito de se referir neste caso a un outeiro, parece confirmar esta hipótese.

En efecto, dada a situación en zonas de montaña deste e doutros "Ameixón",  podemos interpretalo coa acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). En portugués existe a a ameijoada 'pastagem onde o gado passa a noite' (cf. Priberam).

Aínda que menos probábel, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se houber regatos na zona, interpretalo na acepción dada polo dicionario de Luís Aguirre del Río "El acto de dejar en el rio una nasa para pescar" (cf. DdD). 

Por outro lado, a acepción de ameixón como "alevín da anguía" non encaixaría. Ao meu entender, esta acepción vén orixinada polo feito de se atoparen reunidos, xuntos,  os alevíns das anguías (as codiciadas "angulas").

AMIDO (Fazouro, Nois)

AMIEIRAL, O (Santo Acisclo do Valadouro)
Os topónimos "amido", "amamedo", "amairal" aluden a un lugar onde abundan (abundaron) os amieiros ou ameneiros.


ANDIANA (Cordido)
Motivación e significado incertos. Posiblemente de "(terra) andiana", pertencente a unha persoa de nome Andiao (cf. J. M. Piel, Boletim num. 2).


ANIDO, O (Cangas)
O topónimo "Anido" ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría"., in "Estudios Mindonienses". Num 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.
Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).
É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".

Por outro lado, Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí); non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde se for este o caso correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.


APRESURADA, A (Fazouro)
Este lugar é tamén chamado "A Presurada", o cal nun contexto de toponimia ten mellor encaixe. Ver "PRESURADA".

ARCA, A (Cangas)
Lugar onde houbo/hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.

AREA BRAVA (Cangas)
AREA LONGA (Cangas, Fazouro)
Antigamente, "area" significaba tamén "areal", "praia", aínda que esta acepción xa se perdeu pola introdución do termo "praia".

ARNELA (Fazouro) 
ARNELA, A (Vilaronte, Fazouro) 
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".

O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. aquí. Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de " canaleta para conducir a auga" citado antes.

Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Tampouco explicaría topónimos como "Arnoia". 
O Nomenclator rexistra unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

ASADOIRA
, A (Santa Cilla do Valadouro)
Podería ter unha ligazón etimolóxica co verbo "asar", indicando lugar queimado *arsatum, ou lugar soleado onde quenta o sol.
Alternativamente, pode ter a orixe no tema paleoeuropeo *aps-, formado a partir da raíz indoeuropea *ap- "auga". Así interpreta Bascuas algúns topónimos "Asadelos" e "Asadoiros", aínda que tamén admite a primeira alternativa. Cf. p. 181 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Se observamos a localización de varios "Asadoira" existentes (ver Nomenclator), semella probábel a súa interpretación hidronímica.


ASELA (Cordido)
O lugar tamén figura rexistrado como "A Sela", que semella máis apropiado toponimicamente. Ver "SELA".

ATALAIA, A (Foz)
Lugar de vixilancia, probablemente das baleas e similares que entraban na ría. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". 

AUGARRÍAS, AS (Cordido)
Topónimo que semella máis transparente do que é. Sen dúbida relativo ás augas, mais posiblemente non se trata dun composto "auga-río", senón derivado de "augar". É incerta a motivación específica para serlle asignado este nome, pois ningún dos topónimos de nome similar (Augarrío, Augarríos, Augarrías, Aguarrío)  ten grandes correntes de auga preto.

Amais deste "Augarrías", o Nomenclator rexistra tres "Augarríos", un no Valadouro (A Laxe), outro en Vilalba e outro en Oleiros, así como e un en plural, Augarríos en Sarria.

Talvez teña significado á voz homónima aguarrías 'orballo' rexistrada en Cantabria (cf. A. Gil Olcina et al. 2009. "Clima e hipótesis de cambio climático en la región geográfica del sureste ibérico").

AVESADA (Fazouro)
Composto de "A Vesada", do latín terra versata "terra virada", de versu ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.
A forma Avesada explícase moi probablemente pola aglutinación antietimolóxica do artigo determinado feminino, como ocorre en "arradio", "abedueiro", etc.

AZUREIRA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
Unha "azoreira" era un lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.


BAER (Santa Cilla do Valadouro)
De *(agru) Valerii, dun posesor chamado Valerius, nome de orixe latina. Alternativamente, de *(agru) Baderii, dun posesor chamado Baderius, nome tamén de orixe latina.
O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

BAESTA, A (Vilaronte)
Aínda que a voz "baesta" ten un significado transparente (do latín balista, arma composta dun arco flexible, unida perpendicularmente a un mango de madeira) a súa motivación para un topónimo é incerta.
Podemos interpretalo como relacionado co oficio de besteiros que terían os poboadores deste lugar. Semella tamén plausible interpretalo como unha alusión metafórica á orografía do lugar, en forma de lombo.

BALSA, A (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
Segundo F. Villar, deriva da raíz *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente, podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco - no entanto, é xeralmente aceptado que no País Vasco fican moitos topónimos paleoeuropeos, de raíz indoeuropea e, portanto, non relacionados co vasco senón anteriores.

BALTARA
, A (Cordido)
De "a (terra) do Baltar", terras dun propietario chamado ou apelidado Baltar.
O apelido Baltar deriva de *(uilla) Waltarii, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola") chamado Waltarius, nome de orixe xermánica.


BARBADAL, O (Foz)
Este topónimo é un abundancial de "barbada", probablemente un hidrónimo (referencia a augas) con orixe na raíz indoeuropea *bher 'ferver, bulir, manancial'. No caso que nos ocupa, é un a ccidente costeiro, semella encaixar esta interpretación, aludindo ás ondadas do mar. Ver "BARBAS" para máis detalles sobre a etimoloxía.

Aínda que existe un peixe de nome "barbada", sendo voz rxa ecollida por Sarmiento en Viveiro, no séc. XVIII - cf. DdD, é moi improbable que o topónimo aluda ao peixe. O Nomenclator rexistra os lugares Barbadelo ou Barbadás (plural de Barbadal) lonxe da costa. Ademais, a terminación -al non é común para abundanciais de peixes.

BARBAS (Santa Cilla do Valadouro)
O termo "barba" parece provir da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804. No caso que nos ocupa, é unha zona de prados, polo que parece reafirmar esta interpretación.

O Nomenclator rexistra múltiplos exemplos de topónimos probablemente relacionados coa forma*barb- que apoian esta hipótese. Un exemplo significativo é "O Barbadal", indicando unha boca da ría, en Foz. Noutros lugares atopamos, por exemplo, "Riobarba" (O Vicedo), "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira.

BARBEITO (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro)

BARBEITOS (Santa Cilla do Valadouro)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARCIA, A (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
BARCIAS, AS (Cordido) 
BARCIAS DE CASTAÑEDO (Fazouro)
BARCIAS DE SANTO ANDRÉ (Fazouro)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz estendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.


BARGADO (Xuances -lugar de Pereiraboa)
O sufixo -ado indícanos probablemente un colectivo de vargos/bargos ou vargas. 
O topónimo aludiría a unha "finca cercada por bargos". Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas. Neste caso reflexaría, xa que logo, unha finca chousada con bargos. Edelmiro Bascuas recolle esta voz atestada, para outros topónimos, en vinea de Vargaado (1220) e domo de Vargaado (1253) (cf. Bascuas 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"). Ver "BARGO" para máis detalles.

Alternativamente, podería remitir a un conxunto de "vargas", talvez a unha disposicion de armazón para viña. Poderíamos noutro caso pensar nunha armazón para pescar no río, pero neste caso non se atopa ao lado (aínda que tampouco moi lonxe).  Corominas propuxo o étimo céltico *barga, en canto Bascuas [2014: 156] interpretouno como hidrotopónimo e propuxo o étimo *uaricam, da raíz indoeuropea *awer- ‘humedecer, mollar, fluír’. Os dicionarios galegos recollen  varga ‘armazón de paus para pescar no río’, ‘rede de pesca’.

BARGO
, O (Cordido)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas. 
A orixe de "vargo" é prerromana, talvez celta, o mesmo que en castelán várgano 'cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada. 

BARRACIDE (Santo Acisclo do Valadouro, Santa Cilla do Valadouro)
O topónimo "Barracide" reflexa unha pronuncia relaxada de "Barracido", co sufixo abundancial -ido, que indicaría "lugar con abundancia de barro". En efecto, existe o topónimo "Barracido" en Ares e "Barracedo" en Pedrafita. A pronuncia -ide é unha pronuncia relaxada típica na Mariña Central e Oriental, tal como ocorre en múltiples casos do concello como "Sacide", Pedride", "Ladride", ou tamén "Mexilluíde" (Xove).
Polas razóns anteriores, cremos improbábel a orixe nun "Barra Citi", onde Citi sería a flexión en xenitivo de Situs, forma romanizada do árabe Sîd 'señor', á súa vez derivado de Sayyid.

BARRIO DE XINZO (Vilaronte)
Ver "Xinzo".

BATÁN (Cangas)
Do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BAZOI (Vilaronte)
Probablemente de (uilla) Bazonii, forma en xenitivo de Bazonius ou Bazonus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola), nome de orixe xermánica.

BIDUÍDO (Vilaronte)
Lugar onde abundan os bidueiros.


BOIS, OS  (Foz)
O termo "boi" neste topónimo, que dá nome a un con, podería ser unha alusión metafórica aos animais deste nome, pola forma da punta costeira. Igualmente pode provir  dunha raíz prelatina *boi- "rocha, pedra".
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.
Dada esta homonimia, en xeral é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois" teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades. 

BORNEIRA, A (Fazouro) 
Ademáis desta punta costeira, hai outra punta costeira, tamen cantil, "A Borneira" en Cangas, onde tamén atopamos o mesmo accidente costeiro co nome "Borneirón". Así mesmo na costa de Muros atopamos outra "Punta Borneira". Hai ademais unha "Praia da Borna" en Moaña, así como un "Bornalle" en Muros, tamén con praia. Tamén "Imbornas", no Porto do Son, está situado ao pé dunha punta costeira.
Por outro lado atopamos o lugar de Borneiro en Cabana de Bergantiños, lonxe da costa, aínda que situado no sopé do monte.
Finalmente, unha poboación "Borneiros" atopámola en Cambados pero non na costa, e nun lugar chan.
Nos dicionarios, tanto en galego como en portugués, atopamos a acepción para borneira de "moa de cor negra, para moer o trigo. Igual acepción para "bornera" en castelán, para a cal Corominas lle asigna orixe escura  (cf. DCECH, s. v. bornero).
Poderíamos entendelo como lugar onde abunda a pedra borneira, a dita pedra negra, aínda que semella improbable, ao apareceren a gran maioría destes topónimos en lugares costeiros, coincidencia de máis.

Martínez Lema estudou estes toponimos, e asígnalles unha orixe prerromana, moi probablemente na raíz indoeuropea *bher- 'bulir, ferver, inchar, upar', e que Lema interpreta cun significado de "manancial". Isto encaixa nos casos de puntas costeiras e praias, que indicaría, xa que logo, algo similar a "lugar de auga escumante".
Deste radical *bher-, tal como indica  derivaría o tema *born-, con extensión -n-, que Dauzat identificara como *borna 'fonte, manancial' (cf. pp. 125-127 de A. Dauzat "La toponymie française", 1946), presente en topónimos como os italianos Borno, Bornate e Bornasco, o "Bornos" (Cádiz) ou nomes de ríos franceses como La Bourne, La Borne, Le Bornain, Le Bornan(t) ou La Bornue, entre outros. Cf. P. Martínez aquí.
Alternativamente, tamén segundo Martínez Lema, tampouco se pode descartar a orixe na raíz indoeuropea *bhereu- 'ferver'.

O sufixo -eira (do latín -aria), así como outros topónimos como Bornais, indícanos que o nome borna se mantivo como apelativo polo menos ata o comezo da romanización.
Finalmente indicar que se pode desbotar a potencial relación de "borneiro/a",  con "abruñeiro/a", esta é a posición de Navaza no seu estudo da Fitotoponimia galega (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega"), e o mesmo Martínez Lema no indicado estudo.
Desbotamos a proposta do profesor Porto Dapena de provir de laburnum 'codeso', igual que o castelán borne (cf. X. Porto, 2008. "Topónimos costeiros da ría de Cedeira"). Primeiramente porque esta evolución fonética ten sentido en castelán por aférese laborno > borno, ao confundilo co artigo, confusión que non acontecería en galego. Ademais, non está atestado en galego. Tampouco tería sentido que a maioría dos lugares con codeso fosen as puntas costeiras.

BOUCELLOS
, OS (San Martiño de Mondoñedo)
BOUZABOA (Santa Cilla do Valadouro)A voz "boucello" é a forma en minutivo con matiz despectivo de "bouza".
"Bouzaboa" é composto por aglutinación do adxectivo "boa" e do substantivo "bouza".
Canto a "bouza", comunmente refire a un 'terreo inculto poboado de mato, como toxos, xestas, uces etc.' (cf. bouza no DRAG).

BREA (Nois)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

BULLA (San Martiño de Mondoñedo)
Probablemente, de orixe prelatina (da raíz indoeuropea *wel- 'virar') con significado similar a "bulleiro" 'sitio pantanoso ou onde nace a auga'. Cf. DdD.

En efecto, igual que existe o par de voces homónimas ulleiro e bulleiro, da mesma etimoloxía prelatina, é plausible pensar que o mesmo ocorra co par "Bulla" / "Ulla", este último hidrónimo que dá nome ao coñecido río galego. Igualmente podería ocorrer co par Ulló / Bulló, este último presente no topónimo cariñés Bullós.

BUQUEIRA (Nois)
A "boqueira" designa a entrada a unha finca que está cercada. A boqueira costuma estar pechada cunha cancela.


BURDIÓN (Nois)
Podería tratarse do alcume dun antigo posesor. En efecto, segundo o dicionario, "bordión" ten a acepción de "home que frecuenta os bordeles" xa recollida por Cuveiro (cf. DdD). Tamén o castelán recolle "bordiona" como "prostituta". Ten unha segunda acepción de "paxaro nocturno", recollida por Constantino González, aínda que esta debe ser derivada da outra e, ademais, encaixa pouco nun topónimo.

Existe outro "Bordeón" en Xove, que tería ter a mesma orixe, simplemente distinta grafía.

Aínda que máis improbable por cuestións fonéticas, poderíamos pensar en "Bardión", no mesmo sentido que está recollido en Zamora, como derivado de "barda" "matorral mullido. Por ejemplo bardión de silvas, es decir un zarzal" (cf. aquí).

BURGO
, O (Foz)
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín. 
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

CACHEIRAS (Santa Cilla do Valadouro)
O nome "cacheiro", de "cachar" 'cavar', ten varias acepcións:
Podería estar relacionado con "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo" . Di Sarmiento: "Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin".
Outra acepción rexistrada sería a que se usadactualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".

CACHÓN (Fazouro)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CADAVAL
, O (Cordido, Santa Cilla do Valadouro, Vilaronte)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

CÁDAVOS (San Martiño de Mondoñedo)
Os "cádavos" son os "cepos dos toxos que permanecen en pé nun toxal queimado". Cf. aquí.

CADEROI (Cangas)
Probablemente o nome desta poboación derive de *(uilla) Cataroni, forma en xenitivo de Cataronus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Aínda que este nome persoal non estexa documentado en Galiza, si o está no sur Franza no século XI (cf. aquí).

CADOIRA (Cangas)
Unha "cadoira" neste contexto (zona de prados) posiblemente sexa sinónimo de "cadoiro" 'caída de auga', o mesmo significado de "fervenza, cascada, cachón".

CAELLA (Santa Cilla do Valadouro)
O mesmo que "cale"/canle, tanto no sentido de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como "quenlle" e "quenlla".

CAÍNZO
, O (Santa Cilla do Valadouro, Vilaronte)
A voz caínzo designa un "tecido de canas ou varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
No contexto de topónimo, un caínzo tería o significado, por extensión, de "hórreo feito de canas" ou aínda a un lugar cercado por caínzos.

CAIZAL (San Martiño de Mondoñedo, Foz)
Un "caizal" ou "cainzal" indica abundancia de "caínzos".
Un caínzo é un "tecido de canas ou varas", tanto na acepcion de "onde se secaban as castañas" como na do "tecido" que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. No caso que nos ocupa de "caizal", podería indicar, por extensión, un "canaval", terreo onde abundan as "canaveiras".

CALVOS, OS (Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)
Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira aluden a un lugar sen vexetación.

CALVARIO, O (Cordido, Foz, San Martiño de Mondoñedo)
Posiblemente referidos á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

CALZADA, A (Cangas)
CALZADAS (San Martiño de Mondoñedo)
CALZADAS, AS (Cordido)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

CAMBELA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "cambela" é un pau retorto. Por extensión, un arado antigo.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".
Podería neste caso corresponder co alcume de antigo propietario (ou propietaria). É común na toponimia indicar a posesión via a adxectivación a partir do nome : neste caso "leira do Cambelo" > Cambela.

CAMIÑO DO PERILLÁN (Fazouro)
O apelativo "perillán", segundo o dicionario, é sinónimo de "pillo, pillabán". Indicaría, por tanto, o alcume do posesor das terras circundantes ou destinatarias do camiño.

CAMPELÍN (Cordido, Nois)
Diminutivo de campelo. O dicionario de  Aguirre del Río recolle "campelo" coa acepción de "prado pequeno" (cf. L.  Aguirre, 1858. "Diccionario del dialecto gallego"). Esta especialización do nome, xa non visto como puro diminutivo de campo, queda patente na toponimia con lugares como estes Campelín, cuxo diminutivo adicional -ín semella mostrar que "campelo" xa non era percibido como diminutivo.

CAMPO DE VAO (Fazouro)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

CAMPO DOS BOIS (Santa Cilla do Valadouro)
Aínda que en xeral para o termo "boi" é difícil diferenciar as alusións aos animais deste nome fronte ás de rochas e penedos, neste topónimo semella ser probable o significado transparente relativo ao animal.
Ver "BOIS, OS" para máis detalles. 

CAMPÓN (Fazouro, Nois)
CAMPÓN, O (varios)
Un "campón" é un prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.

CANCELA DA BREA (Nois)
Probablemente se trata dunha "Cancela da Vrea" ("verea", "vereda").

CANDAEDO (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).

En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, Candaira, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDAIRA (Nois)
CANDIEIRAS (Fazouro)
De "Candaeira", abundancial de "cando", o mesmo que "Candaedo" e "Candaoso". Ver "Candaedo". 
Neste senso, tamén Martínez Lema cre que ten que ver coa presenza no lugar de varas de uz secas, usadas para alumar e que xeralmente eran penduradas da gramalleira da lareira (cf. aquí).
Segundo Gonzalo Navaza, os derivados toponímicos deste substantivo refírense a lugares utilizados para obter algún tipo de combustíbel vexetal, como frouma ou similar (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). 
Existe un "A Candieira" en Xermade.

CANDORCA (Fazouro)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza.
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca".
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado" 
(cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").  Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no lat. candeo 'brillar, arder'. Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando".

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" ('barranco profundo'), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo . Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.

CANEIROS, OS (Cordido)
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar.
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:
"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."

Tamén se recolle para "caneiro" a acepción de "canizo", pero tería menos encaixe nun topónimo.

CANGAS (Cangas)
O dicionario define "canga" como "xugo", e tamén como "pau atravesado nun camiño, que dificulta o tránsito", "pau en forma de gallo, na parte dianteira do chedeiro, que ten como finalidade evitar que a carga do carro caia sobre os animais que tiran del" Cf. DRAG.

Posiblemente teña un significado de "vale cerrado entre montañas", metaforicamente asociado ao apelativo "canga" 'xugo'. Este significado aínda se conserva para o apelativo "canga" en Asturias Cf. aquí.

Curiosamente (ou non) esta metáfora de "canga" sería similar á que se dá no inglés saddle 'sela de montar', no sentido de 'paso entre montes, portela'.
Canto á etimoloxía, varios autores, entre eles Cabeza Quiles,  X. L. García Arias (cf. aquí), asígnanlle unha orixe na raíz céltica *cam(b)- 'curvo'. A forma documentada Canicas sería, por tanto, unha evolución de *Cambicas.

Hai moitos "Cangas" por toda a xeografía galega e asturiana. O topónimo Cangas de Asturias aparece documentado no ano 883: "
Primum in Asturias Pelagius regnauit in Canicas anjiis XVIII" (cf. Crónica Albeldense aquí). Probablemente sexa unha errónea latinización do escriba, pois se fose a pronuncia real, non proviría de *Cambicas.

Alternativamente hai quen defende, seguindo a Menéndez Pidal, dunha orixe metafórica no latín canna 'cana, canaveira', do que podería ter derivado o castelán cañada 'espazo de terra entre dúas elevacións próximas'.
Atopamos outro Cangas próximo en Celeiro (Viveiro).

No século XVIII atopamos este lugar atestado xa como "Nois" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

CANTEL DE ABAIXO, O  (Foz)
O termo "cantel" vén de "cantelo", forma antiga de diminutivo de "canto". Ver "O Canto".

CANTELO, O  (Cangas)
Forma antiga de diminutivo de "canto". Ver "O Canto".

CANTO, O (Santa Cilla do Valadouro)
O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).
Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CAPELAS, AS (Fazouro)
En xeral os topónimos "Capela" aluden ao significado transparente de ermida, pequena igrexa. Algunhas veces poderían ter unha acepción xeral de "capa pequena", aludindo á orografía cónica do terreo.
O feito de estar en plural non é significativo: moitas veces o topónimo muda para a forma en plural para referirse á multiplicidade dos terreos aos que alude o topónimo. Ou sexa, que de "A Capela" puido pasar a As (leiras) da Capela e deaí a As Capelas.
O Nomenclator rexistra outro As Capelas en Ourol.

CARDOXE (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de *(uilla) Cardosii, forma en xenitivo de Cardosius, o nome do antigo posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola).

CARITEL, O (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "caritel" tén certa frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar que posúe dereitos específicos relacionados coa autoridade e, por extensión, lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", talvez por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos.

Na Idade Media existía o dereito de "caritel", polo que os veciños dun lugar debían pagar unha multa caso de ocorrer no seu distrito un roubo ou asasinato. Porén, "caritel" na documentación medieval, na área galego-portuguesa, tamén parece ás veces presentar, por extensión, un significado máis xeral de "termo, distrito".
Xa Sarmiento estudou este termo (cf. DdD), relacionándoo como topónimo co pago da citada multa, ou ben como expresión metafórica derivada do verbo "caritar", en terreos de penas e escarpados, indicando "cicatrices" no terreo. Esta interpretación foi despois seguida por Rodrigues Lapa (cf. "Fray Martín Sarmiento e o vocábulo caritel", in "Boletim de Filologia" 1, 185-198).

Por outro lado, Paulo Merêa coincide con Sarmiento na acepción de "sinal", aínda que discrepa da segunda interpretación que fai Sarmiento cono "cicatriz" no terreo (cf. "Caritel (a propósito das reflexôes de Fray Martín Sarmiento)", in "Boletim de Filologia Portuguesa", II, 1934). Así, Merêa coincide en que "caritel" procedería de caractellum, diminutivo de caracter (character), pasando a significar un "sinal" ou "marca" (incluso un marco ou pedrón), e daí un selo ou dereito da autoridade.

Sen podermos xulgar cal é a interpretación correcta, semella probábel a interpretación de Merêa, e, pola contra, o sentido metafórico de "penasco" parece non encaixar, sendo que a maioría dos topónimos galegos "Caritel" examinados non corresponden a lugares de penascos ou de quebradas.

Os dicionarios galegos parecen clarificárnolo, así "caritel" é recollido como "pena que pagaban os veciños dun lugar onde se cometía un roubo ou morte", e tamén "dereitos que pagaba quen solicitaba o deslinde dunha finca" (cf. DdD).

CARÍN (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de (uilla) Carini, forma en xenitivo de Carinus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola), nome de orixe latina.


CARPACIDE (Nois)
O mesmo que "carpacido", indica lugar onde abundan as plantas chamadas "carpaza". O abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilluíde" en Xove. Cf. aquí.
A forma carpaza/carpazo é a denominación xenérica dada a varias especies botánicas das familias das cistáceas e das ericáceas, e atópase na maior parte do territorio galego.

Alternativamente, sendo o nome dunha casa illada, pódese hipotetizar unha orixe en "Casa Paciti", forma en xenitivo de Pacitus, nome do antigo posesor, nome de orixe latina. A simplificación e rotacismo Casa>Car- non sería excepcional, aínda que si infrecuente.

CARRACEDOS (Cordido)
Indica lugar onde abunda a planta chamada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

CARRÁS (Vilaronte)
Plural de "carral", 'camiño de carro'.

CARTAS (Santa Cilla do Valadouro)
Este topónimo, frecuente en Galiza, referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.

Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas, o Nomenclator rexistra múltiplos topónimos relacionados,
 como "Os Tercios", "As Sétimas", "As Oitavas". "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos. "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido,
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei. Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

CASAL
, O (Vilaronte)

CASÁS, OS (Santo Acisclo do Valadour)
A voz "casal", do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, incluíndo casa e dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASTELO DO CAGAZAL (Foz)
Este topónimo está asociado a un pequeno illote preto da costa.
O termo "castelo" indicaría a forma elevada do illote. En canto a "cagazal", aínda que os dicionarios de galego non recollen, os de portugués si recollen "cagaçal", como 'lugar onde se acumulan excrementos'. Neste caso, indicará, por tanto, un illote alto onde aniñan as aves, razón para tal acumulación de excrementos.

CASTRILLÓN (Fazouro)
O termo "castrillón" é un derivado de "castro". Indicaría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. 
Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

CASTRIÑO (Vilaronte)
Diminutivo de castro, do latín castrum 'castelo, fortaleza’'. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CATADOIRO
, O (Santo Acisclo do Valadouro)
Podería vir de captatorium, ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo "O Catadoiro" en Vieiro, etc.
Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana.
Ver entrada do blog referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

CATAROU (Santa Cilla do Valadouro)
Existe outro "Catarou" en Viveiro, o cal probablemente corresponda co referido nun documento en latín de 1166, xa grafado "Catarou".
O topónimo "Catarou" probablemente teña unha orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)-. Ver entrada do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

Existen outros topónimos "Catarou" no Aparral (As Pontes), así como un "Catarón" en Sobrado.
Nicandro Ares, para o de Viveiro, aínda asignándolle orixe descoñecida, indica a hipótese dun apelido, e cita o exemplo de "Domingo de Catarrón" (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega"). Sen descartar totalemente esta hipótese, semella improbábel a evolución en galego de Catarrón para Catarou.

CANCELAS, AS (Fazouro)
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.

En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
      " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CARAMBELAS, AS (Cangas)
Tendo en conta que se trata dun coído, o topónimo está relacionado co apelativo "carambela", un tipo de crustáceo.
A etimoloxía posiblemente do latín *cammarella, como diminutivo de cammărus.

CARBALLAS, AS
 (San Martiño de Mondoñedo)
Lugar con carballas. Unha "carballa" defínea o dicionario como carballo grande, centenario.

CARREIRA, A (Cangas)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

CASILLA, A
 (Fazouro)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852.
É un topónimo moi estendido en Galiza, e que, en moitos dos casos, tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".


CEÁS, OS (Foz)
Topónimo de orixe prerromana, que significaría "os escuros" ou "os rápidos", posibelmente referido a un hidrónimo.
En efecto, os topónimos "Ceao" e "Ciao" foron incluídos polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos de orixe paleoeuropea, derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'moverse'. Cf. p. 264 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Bascuas cita un "Montem Zeanum" en 1154, o cal nos permite desbotar outras orixes, tais como nun antropónimo Ocianus ou de Occianus (hipocorístico de Occius), ambos   de orixe céltica, ou tamén de Oceanus, ou Silanus de orixe latina (cf. Kajanto), ou dun *Cilanus, antropónimo ligado co pobo dos cileni, do que fala Plinio.
O Nomenclator rexistra tamén "O Ceao" en Xove.

CEGOÑAS, AS (Cordido)
Este topónimo podería tratarse dun zootopónimo, e remitir a un lugar frecuentado polas cegoñas, ou ben pode tamén tratarse dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
O topónimo dá nome a unha zona de prados,  o mesmo que ocorre no lugar homónimo existente na freguesía da Devesa (Ribadeo).

A priori poderíamos pensar no apelativo común "cegoña", do latín ciconia, no sentido de "lugar de prados no que pousan as cegoñas". No entanto, tendo en conta a existencia de catro "Fonte Cega" neste mesmo concello de Foz, así como do "rego Cego" na mesma freguesía de Cordido (e na Capela, en San Sadurniño, en Moeche), así como o feito de que este "As Cegoñas" é unha zona de prados, cremos que estamos seguramente fronte a unha serie de hidrónimos dunha mesma orixe.

O filólogo E. Bascuas estudou o caso de "Fonte Cega", "río Cego", e interpretounos como cunha orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou tamén *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Aínda que Bascuas non tratase este topónimo "Cegoñas", si interpretou outros similares, como o "río Cigüela", sendo formado a partir de *kei-ko-. Nada nos impide, xa que logo, considerar "As Cegoñas" como derivado da mesma forma; neste caso a orixe sería *kei-ko-nya, co sufixo -ny-, presente en moitos outros hidrónimos de orixe paleoeuropea, tales como nos casos de "A Armaña", Bolaña, Saldaña, Aboño, Ledoño, e moitas outras.

É importante notar que esa raíz europea *kei- 'cor escura' parece que se preservou tamén no léxico común: o dicionario de Constantino García recolle en varios lugares a acepción para "cegoña" de "néboa", así como para "ceguñada". Cf "Glosario de voces galegas de hoxe" (1985). A mesma acepción de "néboa" é recollida por E. Rivas en Betanzos. Cf "Frampas" (2001) . Estas acepcións de "cegoña" como "néboa" apuntan, como indicamos, para un significado de "escuro", e reforzan fortemente a interpretación paleoeuropea indicada para "As Cegoñas". 


CERCA DA BREA (Nois)
Ver "Brea".


CERNADA, A (Vilaronte)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. V. Risco, "Terra de Melide").

CERNADELA
, A (Cangas)
Diminutivo de "cernada". Ver "A Cernada".

CERRADO DE REIMUNDE (Vilaronte)
Posiblemente de *(agru) Ranimundi, forma en xenitivo de Ranimundus, o nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica.

CERRADOS DO CANDO (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí). Abondan, así, os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no latín candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 


CHAO DA AZUREIRA (Santo Acisclo do Valadouro)
Unha "azoreira" é un lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

CHAO DA SENRA (Nois)
Ver "A Senra".

CHAO DE LOURIDO (Santo Acisclo do Valadouro)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

CHAO DO FOXO (Fazouro)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 

Por tanto, neste chao talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova.

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, mentres que foso = port. fosso, cast. foso) .


CHAO DO VIDREIRO (Vilaronte, San Martiño de Mondoñedo)
Posiblemente grafía alternativa por "bedreiro", indicando un lugar onde abunda a planta chamada "bredo" ou "bedro", latín blitum (Amaranthus blitum). En efecto,  Navaza menciona o caso de "O Vidreiro" no Valadouro, recollido por Madoz como "Bedreiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado", co que o paso a "i" sería case indiferenciable nunha sílaba átona. 

O Nomenclator rexistra tamén "Vedral" en Cangas e en Cordido, que tería igual significado que "vidreiro".

CHAO DOS CAÍNZOS (Fazouro)
Un caínzo é un "tecido de canas ou varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un caínzo, referiría ás veces en toponimia, por extensión, un hórreo feito de canas.


CHARELAS, AS (Vilaronte)
Os dicionarios de galego definen "charela" como "Labrantía de terra lixeira e abundante en pidra miúda" (cf. X. L. Franco, 1972. "Diccionario galego-castelán").
A outra acepción que ten de "persoa revoltosa" é máis improbable para un topónimo ligado a un núcleo de poboación.

CHAVES (Cangas) 
CHAVE, A (Cordido)
CHAVES, AS (Fazouro) 
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Elucidário). 

CHELAS (Cangas, Nois)
De "(agras) chaelas", onde "chaela" é o diminutivo de "chá" (plana).

CHIBADOIRO, O (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "chibadoiro", defíneo o dicionario de Constantino García como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. DdD.

CIBADOIRO
, O (Nois)
O termo "cibadoiro" semella grafía alternativa de "cebadoiro", o cal ten varios significados:
  • lugar onde se garda a cebada. 
  • Sitio onde se engorda e se ceban os animais. 
  • Sitio no que se acostuma poñer o cebo para para atraer a caza. 
O Nomenclator rexistra outro "Cibadoiro" en Xove.
A mesma consideración que fai G. Navaza para o topónimo "Acibadoiro", tamén aplicaría neste caso: descartar a súa relación con "acivo", dada a terminación en -oiro, sufixo que indica "actividade, lugar onde se realiza unha actividade".


CINTOLEIRA (Nois)
O nome deste con é transparente, indicando a abundancia de "cintolos" (centolos), ou propicio para a súa captura.

COCHÓN (Santa Cilla do Valadouro)
COCHÓS (Santo Acisclo do Valadouro)

O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco"). Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.

COMBARRO, O (Santo Acisclo do Valadouro)

O termo "Combarro" é unha palabra de orixe prerromana. 
Canto ao significado, ten a acepción de "alpendre" en algunhas zonas. Por outro lado, no latín tardío da Galia está atestada no S. VII a voz cumbres 'empalizada, estacada no río para a pesca', que menciona Du Cange.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, aínda que ao atoparse en poucas ocasións, o contexto non permite saber a cal das acepcións se refire, se a un alpendre ou se a unha pesqueira (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").
Sexa ese o significado que tivo este topónimo, ou outro similar, é claro que foi un apelativo usado comunmente, dada a presenza do artigo.

Canto á etimoloxía, aínda que claramente prerromana, é difícil establecer a orixe concreta. Segundo Corominas "parece claro que provén dun ártabro *com-barro 'pontiagudo, provisto de cabeza ou cume' (cf. p. 517 de DCEH s.v. "barra").  Segundo autores como Machado e J. Piel, tería orixe no céltico comboros. Tampouco podemos descartar unha orixe na raíz céltica *camb- 'cousa curva', de onde podería vir o adxectivo "combo" 'torcido, encorvado'.

Existe tamén en Muras, nunha zona de prados, e igualmente hai un "Combarreira" nas Grañas do Sor,  tamén nunha zona de prados, polo que poderíamos aventurar a interpretación como "pesqueira do río".

CONGOSTRA DO CURA, A (Foz)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corga".
A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. DdD.


CORGOS (Nois)

CORGOS, OS (San Martiño de Mondoñedo)
Topónimo de orixe prerromana. Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño".Cf. DdD.
Sendo neste caso unha poza, a acepción encaixa.
Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa, non ten sentido que haxa un conxunto de corredoiras.

CORTIÑA (Nois)

CORTIÑA, A (Cangas)
CORTIÑAS (Vilaronte)
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A palabra vén do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e mais cohorticulum ‘cortello’.

CORUXEIRAS, AS (Nois)
Unha "curuxeira", literalmente "lugar onde abundan as coruxas", designa, metaforicamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

COSTOIRA (Santa Cilla do Valadouro)
O termo "costoira" provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que derivan de "custodia".
Para máis detalles, ver entrada do blog Pena da Cataverna.


COTILLÓS
, OS (Fazouro)
Plural de "cotillón", diminutivo de "coto".

COTÓN, O (Cordido)
Aumentativo de "coto", "coto alto". Ten a acepción relacionada de "montaña cónica" (cf. DdD).

COVA DO VISO, A (Cangas)
Un "viso" remite a un lugar no alto, sitio elevado. Cf. DdD

COVELAS (Fazouro)

COVELIÑAS, AS (Cangas)
O termo "covela" é o diminutivo de "cova", quer no sentido de "furada", ou no sentido de escavación ou sepultura.
Coveliñas é diminutivo de "Covelas", á súa vez antigo diminutivo de "cova".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVELO (Nois)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

CROA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
CROAS, AS (Cordido)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, algunhas veces aludindo á parte alta dun castro.

CUCHAREGO (Nois)
Forma derivada de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
Non cremos que teña relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña.
É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

ENGROBIAS, AS (San Martiño de Mondoñedo)
Unha "engrobia" ou "engroba" é un desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros. Cf. DdD.

ENTORNADOIROS (Fazouro)
Derivado de "entornar" (envorcar); o dicionario de Aníbal Otero define "entornadoiro" como "Sitio nun camiño perigoso para volcar un carro" (cf. DdD).

ENTREBAUS (Nois)
Composto de "Entre Vaos". O apelativo "vao" é definido polo dicionario como "lugar dun río por onde se pode atravesar a pé".

O ESCAIRO, O (Cangas)
O apelativo "escairo" é definido no dicionario como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

ESCANLAR (Vilaronte)
Probablemente abundancial de "escanla", 
variante de escanda, do latín scandulam 'trigo candeal', indicando terreo plantado con escanla ou terreo que produce boa escanla. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011. 
O apelativo escanlar é relativamente frecuente na toponimia do oeste da provincia.

ESCOURIDO (Cordido)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").


ESMOUCADA, A (Cangas)
O verbo "esmoucar" indica "podar, escornar". Unha "esmoucada" é un labor de poda. Indicaría, por tanto, unha finca onde se levou a cabo unha poda de árbores.

ESPASANTE (Vilaronte)
De (agru) Spasandi, finca dun antigo posesor chamado Spasandus.


ESPIÑEIRA, A (Vilaronte)
Lugar onde abundaban as árbores chamadas "espiños".

ESTREMADAS
, AS (Santo Acisclo do Valadouro)
De "as (fincas) deslindadas". Derivado de "estremar" no sentido antigo, de "separar, deslindar". Cf. dicionario de Eladio Rodríguez DdD.

FABEGA, A (Cordido)
Topónimo que remite ao cultivo das fabas, aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

FANEGA, A (Santa Cilla do Valadouro)
Supoñemos que se trada de pronuncia con /e/ aberto. Neste caso, unha "fanèga" designa unha medida de capacidade. Antigamente tamén designaba unha medida de superficie. Indicaría, por tanto, un terreo que ocupa unha fanega de superficie ou que é capaz de dar unha fanega de trigo ou doutro cereal.

FAZOURO (Fazouro)
De "Foz Ouro", a "foz" ('sitio onde un río entra no mar') do río Ouro. Ver "río Ouro". 

Aparece atestado nun documento de 1128 como "Foce Aurio" (cf. aquí).
En 1485 aparece como "Fozdouro":
         "las dichas feligresias de Fozdouro et Burela / et Lieyro et Portezelo et Çelero .."   (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
No século XVIII atopámolo xa como "Fazouro" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

FERRADÁS (Cordido)

Plural de "ferradal". Este topónimo alude á abundancia de augas ferruxinosas, as cales xa en latín eran referidas como "ferratae aquae".
Para máis detalles, ver entrada de blog "O Ferradal e os Ferradás".
Os topónimos "Ferradal" e "Ferradás" abundan en Galiza, atopamos máis de medio cento de referencias (Nomenclator). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Alfoz

FERRAGUDE (Vilaronte)
Posiblemente, pronuncia relaxada por "Ferragudo" ou tamén a pronuncia galega de Ferragut, que se comenta de seguido.

No Algarge portugués atopamos tamén a localidade de "Ferragudo", e en Mallorca "Ferregut", posiblemente aludindo ao mesmo tema, igual que outras localidades que indicamos de seguido.

Primeiramente, podemos pensar que aludan a "Ferragudo", en canto ao alcume atestado xa no século XIV (cf. J. Machado, "Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa"). 
O paso Ferragudo > Ferragude non sería extraño na Mariña, así neste concello atopamos outros topónimos con esta pronuncia relaxada, tales como Pedride, Ladride, Anide. 

Este alcume portugués "Ferragudo" posiblemente aluda a Ferracutus ou Ferragut, o xigante lendario de orixe siria que aparece na Cónica de Pseudo Turpín, tamén coñecida como Historia Karoli Magni et Rotholandi, o libro IV do "Codex Calixtinus", unha crónica do século XII que trata sobre as supostas conquistas de Carlomagno na península Ibérica. Roldán ía en peregrinaxe cos seus cabaleiros cristiáns para Santiago cando desde unha atalaia de Alesón divisaron a Ferragut no seu castelo de Nájera. Ferragut retou en combate a Roldán, comezando unha batalla que acabou co apuñalamento de Ferragut.

Por outro lado, "Ferragude" puido vir directamente da pronuncia galega de Ferragut, aínda que no fondo tampouco haxa tanta diferencia, o importante do topónimo é que nos indica a popularidade que acadou a Crónica de Turpin na Idade Media, e o lonxe no tempo que perviven moitos dos chamados "topónimos menores". 

É de notar que a influencia da Crónica Turpini xa ten sido remarcada por filólogos como Gonzalo Navaza, que indica que topónimos como Coruña ou Viana poderían ter orixe nesa Crónica medieval.

Da mesma orixe sería  o topónimo  "Os Farragús", dunhas terras  en Navío (San Amaro - Ourense), apelativo recollido nos dicionarios de galego, claramente aludindo ao alcume do (antigos) posesores (lembremos que en casteán Ferragut é coñecido como Ferragús). 

Outro reflexo adicional desta popularidade atopámolo en Peraleda de la Mata (Extremadura), onde se conserva como apelativo:
  "Farraguto:  Contrahecho. Persona o cosa mal hecha, desproporcionada o fea" (cf aquí). Isto encaixa co feito de ser Ferragut "tan alto coma dous homes moi grandes; a súa cara ten dous palmos de longo, e outro tanto de ancho .. os brazos e pernas parecen grandes vigas de lagar.."

Finalmente, é interesante reparar na existencia do lugar d'O Farragoto en Requián (Betanzos), atestado como Ferragoto no dicionario de Madoz (século XIX) que podería ter mesma orixe. Igualmente sería o caso do antigo lugar de Ferragoza, en San Pantaleón de Cabanas (Ourol), tamén atestado en Madoz

FERREIRAVELLA (San Martiño de Mondoñedo)
Composto de Ferreira Vella. O termo "Ferreira", provén do latín ferraria '‘mina de ferro'.

FOCEGO
, O  (San Martiño de Mondoñedo)
Topónimo derivado dun sintagma "(terreo d)o focego", aludindo á procedencia dun antigo posesor, orixinario de Foz.

FOLGADOIRO
, O  (Foz)
Nome correspondente a unha zona de beiramar; podemos supor a alusión a un lugar para folgar 'descansar', aínda que non temos datos concretos.
Alternativamente, podería ter un significado  de lugar cerrado onde se pode ceibar o gado e folgar, tal como ocorre co termo "folgada" 'prado o cercado donde se echa el ganado a pacer, a holgarse' (cf.  DdD, J. Pintos, 1865. "Vocabulario gallego-castellano").

FOLGOSA, A (Santa Cilla do Valadouro)
FOLGUEIROSA (Cordido)
Os topónimos "Folgosa/o, Folgueira/o, Folgueirosa aluden a lugares nos que abundan (abundaban) os felgos.

FOLLAL (Nois)
Topónimo derivado de "folla", co sufixo abundancial. Fai alusión a un lugar de vexetación frondosa. Navaza no seu estudo da Fitotoponimia galega (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega"), indica para "Folledo" que algún podería vir de abundancial de fiúncho, o cal tamén podería ser este o caso.

FONTAELO
, O (Santa Cilla do Valadouro)
FONTAELOS, OS (San Martiño de Mondoñedo)
A voz "fontelo" remitiría a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).

Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.

É unha forma derivada de "fontao" ou "fontá" 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -elo. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do baixo latín fontanellu. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenlo", así como "Fontaelo", que o Nomenclator rexistra en Foz e Xove.

FONTAO (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro)
O nome deste núcleo de poboación  posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa"). 
Outra posibilidade, aínda que máis improbable, sería que aluda a un posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).

Tanto neste caso de San Martiño de Mondoñedo, como no "Fontao" de Burela, como o de Viveiro, etc, son topónimos de núcleos de poboación, polo que a segunda hipótese ten unha físgoa de posibilidade.

FONTE CEGA (Cangas, Fazouro, Nois, San Martiño de Mondoñedo)
Hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no sentido de fonte "atascada, atrancada, tapada".
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos" que atopamos. Na bisbarra, ademais atopámolo en Mañón, así como unha "Congostra Cega" no Valadouro (nunha zona de prados), ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta. En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

FONTE DE ANIDE (Cangas)
O topónimo "Anide" reflexa unha pronuncia relaxada de "Anido". Esta pronuncia relaxada é típica na Mariña Central e Oriental, como ocorre en múltiples casos como "Sacide", Pedride", "Ladride", "Mexilluíde" (Xove).
O topónimo "Anido", frecuente na Mariña, ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.
Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).

É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".

Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí). Non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.

FONTE DE BARBAS (Santo Acisclo do Valadouro)
A orixe de "barba" parece provir da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804.
Existe múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa raíz *barb- que apoian esta hipótese. Así, por exemplo, na prov. de Lugo "Riobarba" (O Vicedo), Rego de Barbadelo (Sarria), Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), A Regada da Bárbora, Río Barbeira.


FONTE DE GOLMAR (Cordido)
Posiblemente aludindo á orixe do que arranxou a fonte. Ver "GOLMAR".

FORCADA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
FORCADAS, AS (Cangas, San Martiño de Mondoñedo)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.


FORNELO, O (Cordido)
Os dicionarios de galego rexistran varias acepcións para a voz "fornelo", tanto no sentido orixinario de "forno pequeno" como metafórico de "boquete", tal como ocorre coa acepción de "alacena na parede" (cf. DdD).
A motivación para o topónimo podería ser calquera das dúas indicadas. Por un lado, pode referirse a acepción de "fornos comunais", aínda que semella encaixar máis un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Este é probablemente o caso, por exemplo, do topónimo A Fornela (Cariño), xa que ao pé do lugar atópase a Mámoa de Fornela.
Tampouco se pode excluír que faga alusión a forno de tella, de olas, ou a forxa de ferreiros.

FORNOS (Santo Acisclo do Valadouro)
Aínda que o significado da voz "fornos" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo á zona de prados á que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos de tella, que se construían preto das barreiras. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

FOROS, OS (Nois, Santa Cilla do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
FOROS DE MARCOS, OS  (San Martiño de Mondoñedo)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

FORXÁN (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia, correspondente ao nome do antigo posesor da uilla (
granxa, explotación agrícola), con nome de orixe xermánica.

Posiblemente sexa este Forxán o que figura nun documento de 1464:
"... a Afonso Martinez de Forjan clerigo de Yuanne de Vilaronte .." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).


FOXO, O (Fazouro, Foz, Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)

O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias.

Por tanto, nestes lugares talvez houvese unha trampa (para caza de animais, lobos particularmente) ou talvez indique simplemente un desnivel ("valado") do terreo ou tamén a existencia dunha cova.

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Cf. J. Torrente. "Osos y otras fieras en el pasado de Asturias", 1999 e aquí).


FOZ (Foz)
Termo derivado do latín vulgar foce (baixo latín fauce 'gorxa, paso estreito', do latín clásico faux).
O dicionario define "foz" como "sitio onde un río entra no mar ou noutro curso de auga".

Figura atestado como "Santiago de Fos" no ano 1400:
  ".. enna frigesia de Santiago de Fos do couto de San Martino des lo rio Acentinno ata o mar en lugar de Marçan.." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Aparece como "Santiago da Foz" no "Censo de Pecheros" de 1528.

FRAGA DE FONTAO, A (Fazouro)
Este "Fontao" probablemente proceda do apelido Fontao. Pode referir directamente a un fontanu,  do latín fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería derivado do nome  dun posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).


FRAGALIÑA (San Martiño de Mondoñedo)
Cremos que deriva de "Fraga Galiña", do mesmo modo que existe unha "Fraga das Galiñas" en Alfoz.
Aínda que podería referirse a algunha lenda sobre galiñas, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.

Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas.

FRANQUIÑA (Vilaronte)
Posiblemente de (uilla de) Frankila, o antigo posesor da uilla altomedieval (graxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. A evolución tería sido Frankila > Frankia > Frankiña. A aparición do -ñ- non tería sido nada infrecuente, senón similar a múltiples casos, tales como e.g. Fefiñáns (<Fafilanis), miña < mia. No entanto, é  apenas unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga deste topónimo.


FURCO
, O (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis, cf. E. Rivas "Frampas").

GOLMAR (Nois)
Posiblemente de (agru) *Golmari, forma en xenitivo de Golmarus. Este topónimo foi estudado por J. M. Piel e Kremer, e deixan con interrogante esta hipótese de *Golmarus.


GOLPEIRAS, AS (Santo André de Boimente)
GOLPILLEIRAS, AS (Cordido)
Unha "golpilleira" ou "golpeira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
Existen varios topónimos en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

GONZALVO (Cangas)
Nome de casa illada. Dun antigo posesor chamado Gonzalvo ou Gonçalvo, nome de orixe xermánica.


GORGORIA, A (San Martiño de Mondoñedo)
Orixe incerta. Podería ser unha deturpación de "gorgoira" ("gorxa"), ou estar relacionado co gorgullo dos mananciais.
Seguindo a Bascuas, proviría do tema paleoeuropeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar", e explica o significado oposto de "agromar, brotar" polo cruce coa raíz *bhorw- ‘bulir’. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Altenativamente, pode ter orixe na base *borb- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
De *borb >gorg, do mesmo modo que vulpe> golpe, suevos>suegos.
Por outro lado, si podemos descartar unha orixe cercana no tempo, derivado de Gregoria, no sentido de "terra de Gregorio", pola existencia do topónimo "A Gorga" en Muras, que xa non tería explicación.

Existe, tal como indicado, unha "A Gorga" en Muras, así como outra "A Gorgoria" no Vicedo.

GORMALLAS
, AS (San Martiño de Mondoñedo)
O lugar correspondente a este topónimo atópase nunha zona de prados.
Posiblemente da mesma orixe que "gromedoiros", de "gromar", agrumar.
Cremos que é probable a súa procedencia da forma prerromana *borm- ’fonte, manancial’, a partir dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
O paso de *bormallas >gormallas sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
Alén do anterior, a existencia do verbo galego "bormar" 'vomitar' (cf. DdD) parece reforzar esta hipótese de relación con "borbotar".

Unha interpretación alternativa sería en liña coa indicada por Bascuas para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
O Nomenclator rexistra un "Gormedoiros" en Cabanas e "O Gormedoiro" en Chavín.

Finalmente, tampouco podemos descartar a solución simple, de *"As agras de mallas", tal como se rexistra a orixe nun "agro meán" para "Gormeán".

GRALLEIRA, A (Cangas)
O termos "gralleira" e "grallal" indican "lugar onde abundan os grallos". Tamén existe o topónimo "Gralleira" en Burela e "Grallal" en Covas (Viveiro).

GRANDA (varios)

GRANDA, A (Fazouro, Foz, Vilaronte, Cangas)
GRANDAS, AS  (Fazouro, San Martiño de Mondoñedo)
GRANDELA (Cordido)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".
No caso de Grandela, corresponde coa forma en diminutivo de "granda", usando o antigo sufixo "-ela".


O GRANXO, O (Fazouro, Nois)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. DdD.

INSUA, A (Santo Acisclo do Valadouro)
INSUAS (Fazouro)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

INXERTOS (Fazouro)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.


INXIL
, O (Santa Cilla do Valadouro)
Probablemente unha falsa segmentación de artigo, cunha orixe en (uilla) Onegildi, forma en xenitivo do nome Onegildus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz *(h)on- e mais -gildus, derivado do gótico *geldan 'valer' (cf. p.339 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, podería ser que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar fose unha uilla altomedieval (explotación agrícola).


LADRIDE (Fazouro)
Topónimo coa mesma orixe que "Ladrido", "Ladredo" e similares.

Non teñen relación como derivados de "ladra" ou "ladroa", senón  cun tema prerromano *lat-r-, posiblemente céltico ou paleoeuropeo, derivado do proto-indoeuropeo *lat- 'pantano, lameiro, lama', o mesmo que ocorre no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J. J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).

LAGAS, AS (Cangas)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

LAMESTRA (Santa Cilla do Valadouro)

LAMESTRA, A (Cangas)
LAMESTRAS, AS (Cordido)O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama" ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.


LANTOIRAS
, AS (Cangas)
Este topónimo é moi probablemente de orixe prerromana, en concreto paleoeuropea, e sería un composto incluíndo o tema *lant-, do proto-indoeuropeo *lento- 'flexible, combado' (cf. aquí). O elemento -oira posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga (a mesma orixe que autores como E. Bascuas asignan a topónimos similares, como o río Ouro, cf. "Río Ouro").

Entre moitas interpretacións, poderíamos aventurar un significado de "río curvo".
A orixe paleoeuropea fica bastante clara se reparamos na existencia doutros topónimos con esta raíz, como por exemplo "Lantoño"(parroquia na prov. de Pontevedra), que inclúe o sufixo -oño, frecuente na toponimia paleoeuropea galega.

Por outra banda, tampouco podemos descartar que derive de *"Nantoiras", pois a sustitución do "n" inicial por "l" acontece noutros topónimos galegos similares. Se este for o caso, podería ter unha orixe céltica en*nanto- 'corrente, val'. Deste modo, "Lantoiras" tería orixinariamente un significado similar a "río do val".


LEBOREIRO
, O (Vilaronte)
Referido a lugar onde abundaban as lebres ou coellos.

LEIRAS DA CAXIGOSA (O Valadouro)
Unha "caxigosa" é o mesmo que "caxigal", terreo onde abundan os caxigos. Cf. DRAG.


LEIRO, O (Nois)
Un "leiro" defíneo o dicionario como "finca de cultivo pequena", "terreo labradío de pouca extensión", "Terreo longo e estreito, destinado polo xeral a horta" (cf. DdD).

LELLE (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Laelii, forma en xenitivo de Laelius, o antigo posesor desta uilla("explotación agrícola"), nome de orixe latina.


LIÑEIRA, A (Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)
LIÑEIRAS (Fazouro)
LIÑARES (Cangas)
As voces liñeira e liñar remiten a terras nas que se cultivava o liño, aproveitando a boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.


LOBEIRA, A (Santa Cilla do Valadouro)
O nome "lobeira" indica "gorida de lobos". Cf. DRAG.

LOUSADA (Fazouro, Santa Cilla do Valadouro)
Este topónimo pode que derive do feito de haber unha casa lousada (con tellado de lousa), ou tivo a orixe nunha casa lousada. Isto sería similar ao caso dos topónimos "A Tellada" (Foz) para lugar con casa(s) de tella. Tamén existe "A casa Lousada" en Muras, e "Calousada" (<Casa Lousada) en Xermade, que parecen confirmar esta hipótese. Ademais, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común.

O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito de cada 15 anos aproximadamente.

Tampouco se pode desbotar que refira a un lugar onde abunda a lousa, coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.

LOUSIDO NOVO
 (Cangas)
LOUSIDO VELLO (Cangas)
Lugar onde abundan as lousas, ben por ser canteira delas ou ben aludindo ás ruínas dunha(s) casa(s).

MACHUCO, O (Santa Cilla do Valadouro)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción derivada do latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un antigo martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 

MADROI (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar dun antigo posesor chamado Matroi, nome de orixe xermánica.

MALATES (Foz)
Talvez relacionado con "malatos" (posiblemente "enfermos de lepra").
Alternativamente, de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *mel- 'aparecer, emerxer'. Para máis detalle, ver blog Pena da Cataverna.

MANSÍN (Santa Cilla do Valadouro)
De *(uilla) Mansini, forma en xenitivo de Mansinus, indicando o nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
En efecto, tería a mesma raíz que Mansoi, para o cal J. Piel interpretou como de orixe xermánica, aínda que formado coa raíz *mans-, que derivaría do adxectivo latino mansus. Cf. p. 39&40 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V.

MAÑENTE (Vilaronte)
De (uilla) Magnentii, forma en xenitivo de Magnentius, nome do antigo posesor desta uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

Figura xa atestado como "Manente" (a lectura sería a mesma que a actual) no ano 1400:
         ".. o testamento de Pedro Lopes de Manente.." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

MARTÍN (Santo Acisclo do Valadouro)
De (uilla) Martini, forma en xenitivo de Martinus, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

MARZÁN (Foz)
De (uilla) Martiani, forma en xenitivo e Martianus, nome do antigo posesor desta uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe latina.

Este lugar figura atestado como Marzam no ano 1015 :
    " ... uilla que uocitant Marzam, locum predictum ipso casale ubi ipsos meos
parentes habitauerunt, Estofredo et Cognomia ..." (Tombo de Lourenzá)

Novamente aparece, agora como Marçani no 1077, cando "García Eníguiz" troca certos bens na 
             " ... uilla uocitata Marçani".

MEAO (Cangas, Nois)
De "(lugar) meao". O termo "meao" era a forma medieval por "mediano", "do medio". Por tanto, este topónimo indica "lugar do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares. Tamén hai casos nos que "meao" parece que máis ben aludiría á súa situación a media altura dunha elevación ou monte.

MEILÁN (Nois)
De (uilla) Manilani, forma en xenitivo de Manila, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

MEXABOR (Vilaronte)
Orixe incerta. Tratándose dun núcleo de poboación, podemos aventurar unha orixe en "Mansio Avioli", forma en xenitivo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posesor da mansio ("casa, taberna").
Talvez fose o mesmo posesor Aviolus que os dos lugares veciños de Vilabor (< *uilla Aviolus), así como o de "Penabor" (< pennam Aviolus) e de "Fontabor" (< fontem Aviolus) en Cabarcos (Barreiros).


MILLEIRA, A (Santa Cilla do Valadouro)
O termo podería ser relativo a "cultivo do millo", co sufixo -eira, indicando "lugar onde abunda o millo" ou "lugar que produce bon millo". Esta é a interpretación sostida por varios autores (cf. e.g. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa".1977). Ao ser un topónimo antigo, podemos supor que "millo" refire ao "millo miúdo" ou "paínzo", e que se viña cultivando en Europa desde a antigüidade, e era o que se chamaba "millo" antes de ter chegado o millo da América.
Alternativamente, podería derivar do latín miliaria, marco nas calzadas.



MOAS, AS (Fazouro)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".


MOÁS, AS (Cordido)
Seguindo a Pérez Capelo, é un derivado da voz latina mŏla ‘pedra do muíño’, indicando a posibilidade de que os topónimos "Moa", "Moá", "Amoá(s)" fosen creados por unha metáfora antropomorfa, nomeando na súa orixe «penedos ou montes con forma de moa dental» (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá"). 

O Nomenclator de Galiza rexistra un  "As Amoás" nas Sumoas (Xove). Precisamente ao estar nas Sumoas (tamén derivado de mŏla ) semella encaixar esta interpretación perfectamente.

No entanto, parece estraña a frecuencia de formas con a-, non só "Amoás" de Xove, senón tamén "A Amoá" "A Amoeira" existentes no Vicedo. Todo iso lévanos a non descartar a alternativa de ser unha forma prelatina, sen relación coas moas, e derivar da raíz antigooeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

MÓGARO, O (Nois)
O nome deste con probablemente estea relacionado co peixe chamado "mógaro", indicando a abundancia de mógaros nel. É un caso frecuente, igual que "Punta do Monxe" ("munxe"), "Punta Robaleira".
Por outra banda, podería ter unha orixe prerromana, que tamén é asignada ao termo sardo mògoro, "mota, altura, colina baixa", que segundo Pallottino encontra significado semellante no albanés magul e no derivado en romeno magura 'colina isolada; bosque en sitio alto', termos tamén de posíbel orixe pre-indoeuropea. De raíz similar explícase o vasco mokorr ("mota"). Cf. aquí.

Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" sobre a que explica os dous "Mogor" galegos máis coñecidos (aínda que as atestacións de Moagorum e similares rexeitan esa hipótese). A vila de Mugardos tamén, talvez, podería ter unha raíz similar (non contrastado). Hai tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor").

Ver a entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles sobre "Mogor" e topónimos posiblemente relacionados.


MOLEDAS, AS (Nois, Fazouro)
MOLEDAS DE ABAIXO (Cangas)
MOLEDAS DE ARRIBA (Cangas)
O termo "moledo" pode corresponder coa acepción para molletum rexistrada no latín medieval, co significado de "túmulo de terra, colina" (cf. Du Cange). Aínda que esta acepción non a atopemos nos dicionarios de galego, si se atopa nos dicionarios de portugués, xunto coa acepción relacionada de "monte, xeralmente cónico, formado por pequenas pedras" (cf. Priberam).
O significado da forma en femenino "moleda" sería similar. 

Por outro lado, Figueroa Panisse recolle para "moledo" a acepción de "termo vulgar que indica rocha fortemente alterada (solo residual) que ainda preserva a estrutura e textura da rocha intacta" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixaçao da linguagem científica numa lingua em vias de normalizaçao: O caso do galego"). 
O uso tería sido a partir de "pedra moleda". A forma "pedra morta", con significado similar, é usada na Mariña tamén.
Finalmente, considerar tamén que, dada a xenericidade do termo "moleda", tamén vén recollido no dicionarios como "terreo brando, húmido", o cal podería corresponderse con algúns destes topónimos.
É un topónimo relativamente frecuente, o Nomenclator rexistra outras Moledas no concello de Ribadeo.

MONTE DA GRELA (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "grela" deriva de "agrela" 'pequena agra', do latín agrella.

Ver "AGREBOA" para máis detalles sobre "agra".

MONTE DAS QUEIMAS (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde houbo "queimas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza, nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Ver "A Cernada".

MONTE DO VISO
 (Cordido)
Un "viso" remite a un "sitio alto, sitio elevado". Cf. DdD.


MONTE FARO (Nois)
Nome orixinado no latín pharus, do grego Φαρος. Na Idade Media, "faro" indicaba unha cima elevada na que se prendían fogueiras, quer para guiaren os barcos, para se comunicar ou, sobre todo cando son no interior, avisar da presenza do enemigo.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".

MONTES DA GRANDA (Vilaronte)
Ver "A Granda".

MONTES DE LANDEIRO (San Martiño de Mondoñedo)
Os dicionarios definen "landeira" como o mesmo que "landreira" (< lat. *glandaria), "aciñeira" (cf. DdD). 

No caso da forma "landeiro", poderíase tratar do apelido ou alcume dun antigo posesor. Segundo Piel,  referindo a un home que colle ou negocia bolotas -landras- (cf. p. 315 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). Tamén Piel indica que o apelido podería provir do nome persoal Landoarius.

Segundo E. Rivas "landeira", ademais de provir de "landreira", alternativamente tamén podería provir dun *landaria 'terra chá', a partir do celta *land- 'chao'. 
Aternativamente, tampouco podemos descartar unha orixe paleoeuropea, talvez da raíz indoeuropea *lendh- 'terra aberta, campo, landa' (cf. Pokorny, IEW 675), para a que podemos especular unha relación con topónimos como "Landro" e talvez Lanzós.

MOREIRAS (Cangas, Nois)
Este topónimo ten varias interpretacións, ningunha delas concluínte, aínda que a referencia a "conxunto de moreiras" sexa a máis probable.
En efecto, segundo Navaza, "Morás" trataríase dun fitotopónimo, o plural de "moral", lugar onde abundan as moras. O mesmo indica para "Moreiras" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Aínda que menos probable, outra hipótese é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea  *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  De feito o  propio Navaza recoñece que non pode garantir que todos estes topónimos teñan valor fitonímico.

É un topónimo relativamente frecuente, así atopamos outras entidades de poboación, unha en Ortigueira, outra no Vicedo.

MORGALLÓN (Fazouro)
O termo "Morgallón" ten unha orixe prelatina.
Podería estar relacionado con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais'.
Podemos rexeitar que derive de "margallón" ('desvergonzado'), pois sería altamente improbable a frecuencia deste como alcume. Amais, na toponimia galega abunda máis "Morgallón" (tres ocorrencias) fronte un único "Margallón", a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.
Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos aventurar unha orixe prelatina, máis aínda se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cfr. 
e.g. opinións de Bascuas, ou F Villar, cf. aquí).
Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor"auga detida", coherente coa localización dos varios "Morgallón" existentes na xeografía galega:
  • O lugar do Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí
  • Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí
  • Existe tamén un "montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña. 
Alternativamente, o termo "Morgallón" podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", tamén de orixe prerromana, tal como ocorre coa palabra "morea". Existe un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe nos radicais "mor-iko" Cf. aquí.

Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores prelatinas.

Outra hipótese de orixe prerromana é a de derivar do céltico *morg-, provinte da forma indoeuropea *mereg- "marco, terra na fronteira" (Pokorny, IEW 738). Porén, non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presencia no noso territorio.

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topònimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado Mogrovelio en 921 (cf. aquí).


MORTULLO (Nois)
Aínda que nos dicionarios "mortullo" apareza como sinónimo de "exequia", obviamente non ten moito encaixe para un topónimo.
Probablemente aluda metaforicamente á falta de uso do terreo, tal como recolle o dicionario Estraviz  para "mortorio". O desuso pode ser neste caso debido á mala calidade do terreo, e de aí a énfase pexorativa co sufixo -ullo.
No entanto, trátase dunha zona de prados, polo que tampouco se pode descartar unha homonimia cun termo prerromano derivado do tema *mor-, que aludiría a pequenos outeiros ou a zona con rochas.

MOURÁS, OS (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de (uilla) Mauranis, forma en xenitivo de Mauran, nome do antigo posesor desta uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola), nome de orixe xermánica. Cf. Frornarea.

MOURE (Fazouro)
De (uilla) Maur(i)i, forma en xenitivo de Maurius ou Marus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

MOURELLE (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Maurelii, forma en xenitivo de Maurelius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

MOURENTE (San Martiño de Mondoñedo, Nois)
De (uilla) Maurentii, forma en xenitivo de Maurentius ou Maurentus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

MOURISCOS (Fazouro)
Interesante topónimo que, ante a falta de documentacion antiga da que dispoñermos, déixanos unha morea dúbidas.
Primeiramente, tratándose dun adxectivo "mourisco", podería referir á cor dos agros.
Máis ben, seguindo a autores como Piel ou Boullón, podería estar relacionado con agros ou terras pertencentes a un mourisco, un cristiano converso, de orixe musulmá. Habería, incluso, unha posibilidade de relacionar o termo como despectivo para un mozárabe, en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Nesta liña, existen varios "Mourisco(s)" en Galiza, e un Mouriscón en Ambosores (Muras), que parecen reforzar esta hipótese.

Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz prerromana *mar-/*mor- "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".

MUÍÑO DE LADRIDO (San Martiño de Mondoñedo)
O mesmo que "Ladride". Ver "Ladride".

MUÍÑO DO MACHUCO (San Martiño de Mondoñedo)
Ver "O Machuco".


MUXILÁN (Santo Acisclo do Valadouro)
Cremos que deriva de *(uilla) Mugillani, forma en xenitivo de 
*Mugilla, remitindo ao posesor  desta uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
Porén, non é máis que unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga que o demostre, e ao poder estabelecer alternativamente outras orixes, incluíndo outros antropónimos en acusativo ou xenitivo.

NOIS (Nois)
Este topónimo xa figura atestado en 1096:

  " medietatem ecclesie sancti Juliani de Nois que habet iacentiam litore maris inter Burellum et Aurium" (cf. GMH).
Figura como "Noys" no "Censo de Pecheros" de 1528, cando tiña 83 "pecheros" (pagadores de taxas), frente aos 33 que tiña Foz daquela.

Segundo Edelmiro Bascuas, "Nois" derivaría da forma paleoeuropea (pre-céltica) *noigw-ins, da raíz indoeuropea *neigw- 'lavar', a mesma dos topónimos "Noia". Cf. p. 354 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
En Céltigos (Ortigueira), tamén atopamos unha "Fonte Noia", que parece reafirmar esa posible orixe hidronímica (cf. Céltigos no Catastro de Ensenada).

NOVÁS (Santa Cilla do Valadouro)
Derivado do sintagma "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.


OIRÍN (San Martiño de Mondoñedo)
A orixe máis probábel para este topónimo sería prerromana paleoeuropea, a mesma que a postulada para o río "Ouro" (ver "RÍO OURO"), para a que Bascuas e outros autores asignan na raíz indoeuropea *awer- "fluír", termo (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
O lugar de Oirín queda ao pé do río Centiño, na parte alta deste, ben antes de se xuntar co Rego de Xinzo, afluente seu.

Nota 26/6/2016: en efecto, tanto este topónimo "Oirín" como o análogo "Oiriño" (Cerceda) aparecen, en efecto, figuran incluídos por Bascuas entre os derivados da indicada raíz *awer-. Cf. pp. 190 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

OLA, A (San Martiño de Mondoñedo)
O nome deste entrante costeiro probablemente deba interpretarse, tal como indica Piel, como derivado do latín ollam 'ola', no sentido de "remuíño" ou "escavación en forma de caldeira ou fondo de ola". Cf. p. 333 de J. Piel, "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Alternativamente, tampouco se pode descartar que esteamos ante un castelanismo por 'onda'.


PAGÁS, AS (Cordido)
O dicionario define "pagá" como "castiñeiro novo, sen enxertar". Cf. DdD
O castaño foi unha árbore moi importante antigamente. Ata o século XVIII o seu fruto constituíu un dos alimentos básicos indispensábeis, antes da introdución da pataca. Para que dese un bon fruto tiña que estar enxertado. No caso contrario, metafóricamente como as persoas que non estaban bautizadas, chamábaselle ‘pagás’.
Este topónimo atopámolo, de feito, en Xove, Ribadeo, A Pontenova, Riotorto, polo que podería ter, alternativamente, relación co lugar da Pagá.
En efecto, podería aludir ás terras pertencentes a unha persoa oriúnda do lugar da ermida de Santo Estevo da Pagá, en San Miguel de Reinante. Esta capela está rexistrada en 1128 como S. Stephanus de Pagadi (cf.Enrique Flórez, "España sagrada, ..."
Vol. 18).
O Nomenclator de Galicia dános unha pista significativa ao rexistrar o nome de "O Pagaedo", na Pontenova. A terminación en -edo indícanos un abundancial, xeralmente de árbores. Por tanto,  apunta claramente a que a interpretación referida de "castiñeiro novo". Tamén o topónimo "A Pagá da Sopa" sinala na mesma dirección (pagá que produce castañas para o caldo).

PALASQUEIRO (Santa Cilla do Valadouro)
Topónimo orixinado a partir de *palasco ou *palasca, co sufixo -eiro que nos indica un abundancial.
Non se atopa "palasco" nin "palasca" nos dicionarios de galego, pero podemos facer algunha interpretación en canto a orixe e significado.
Ao tratarse dunha zona de prados, podemos interpretalo como derivado da raíz indoeuropea *pel- 'encher, verter, fluír', da que deriva o latín palus 'charco, pantano' ou o letón palas 'ribeira lodosa'. É de notar a terminación -anca, frecuente na hidronimia paleoeuropea.
Por outro lado, non podemos descartar que teña relación co apelativo galego pala 'cova, abrigo', presente en topónimos como "A Paleira" 'cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais'. En efecto, Dauzat e Rostaing defenden esta orixe prerromana para o antigo topónimo "Palasca", que interpretan como 'montaña rocosa' (cf. A. Dauzat, C. Rostaing, 1984. "Dictionnaire étymologique des noms de lieux en France").

PALMIZ (San Martiño de Mondoñedo)
Tratándose dun núcleo de poboación, podería derivar de (uilla) Palmiti, forma en xenitivo de Palmitius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Cf. aquí. Porén, sería preciso contrastármolo con documentación antiga, xa que este nome non parece que fose frecuente.

PAMPILLOSA (Fazouro)
Lugar onde abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida. Cf. DRAG.

PANDA (Fazouro)
Unha "panda" é unha lomba, un terreo combado ("pandado"). 

En castelán existe tamén "pando" como topónimo, que Corominas interpreta co significado específico indicado no dicionario de "terreno casi llano situado entre dos montañas" (cf. RAE) (cf. DCEH s.v. "panda").

PARAFITA (Nois)
Do latín petra ficta 'pedrafita', "pedra chantada", lugar no que probablemente houbo un marco medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

Neste mesmo concello temos tamén unha "Pedrafita", da mesma orixe etimolóxica pero sen tanta evolución.

PARDIÑAS (Vilaronte, Fazouro)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PASADA, A (Santo Acisclo do Valadouro, Vilaronte)

PASADA DAS BARCIAS (Fazouro)
PASADA VELLA, A (Cangas)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Barreiros, en Mañón, en Viveiro, en Muras, etc.

PEAL (San Martiño de Mondoñedo)
Tratándose dun núcleo de poboación, podería derivar de (uilla) Pedali, forma en xenitivo de Pedalius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). Cf. aquí
Porén, sería preciso contrastármolo con documentación antiga, xa que este nome non parece que fose frecuente.

PEDRAFITA (Santa Cilla do Valadouro)
De Petra Ficta ''pedra chantada', lugar onde posiblemente houbo un marco medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

Neste mesmo concello temos tamén unha "Parafita", da mesma orixe etimolóxica pero con máis evolución.

PEDRA CHANTADA (Cordido)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir prehistórico.

PEDRIDE (Nois)

PEDRIDO (Cangas)
Os termos "pedrido", "pedride" e "pedragal" designan un "lugar onde abundan as pedras". No caso de "Pedride", o abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilloíde" en Xove. Cf. aquí.


PEDROUZOS, OS (San Martiño de Mondoñedo)
A voz "pedrouzo" designa unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. DdD.
O sufixo -ouzo dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. Priberam.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e en particular na Mariña Central e Oriental; o Nomenclátor rexístrao en Cervo, Foz, Barreiros, Ribadeo.

PEIZÁS (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
O termo "peizás", o mesmo que "painzás", é o plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo.

PENA ADRADA (O Monte)
Transcrición da pronuncia de "pena hedrada", 'pena con edra'.


PENA DO ENCANTO (Foz)
Ver "REGO DO ENCANTO".

PENA DO ORXAL (Nois)
O topónimo "Orxal" costuma ser interpretado como un lugar onde abunda o "orxo" 'cebada' (cf. e.g. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega"). Evolutivamente, esta interpretación non presenta ningún problema, sería simplemente o uso do sufixo abundancial -al engadido ao apelativo "orxo", do latín hordeum 'cebada'.
No entanto, semanticamente esta interpretación é problemática neste caso, ao tratarse dunha pequena illa rochosa, batida polo mar e sin terreo dispoñible, tórnase improbable a existencia de cultivo de cebada.

Alternativamente, cremos que este topónimo debe ser interpretado como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo" (cf. p. 119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), ou talvez dunha forma *or-d-, derivada da mesma raíz indoeuropea *er- .

PENA ESCAIRO (Foz)
Ver "O Escairo".

PIÑEIRO (Nois)
O nome deste núcleo de poboación podería podería ser un fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome.
Alternativamente,  podería ter orixe no xentilicio Pinarius, que sería o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").

PIEGO FERRÓN (Vilaronte)
Un "peago" ou "piago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
Neste caso, "Ferrón" viría da forma Ferronii, forma en xenitivo de Ferronius, un cognomen rexistrado na Idade Media. Cf. aquí


PIMPINA, A (Cangas)
Probablemente relacionado con "pimpela", unha canle ou cano feita para que corra a auga (para que pingue). O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc, parece confirmar esta hipótese.
Igualmente en asturiano unha pimpana é unha fonte "que mana gota a gota". Cf. aquí.

No caso que nos ocupa, trátase dunha zona de prados, o cal reforza novamente esta hipótese.

Dada a frecuencia de fontes chamadas "Pimpín", podemos descartar que teña relación coa acepción de "pimpín" no dicionario como "pintaxildo", un paxaro: non teria sentido a sua frecuencia.


PIÑEIRO
, O (Santo Acisclo do Valadouro)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome. 
Tanto neste caso como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. Tampouco se pode descartar que, aínda que figure en singular, se refira a un piñeiral e non a unha única árbore. 

PLANTÍO, O (Santa Cilla do Valadouro)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").Probablemente unha parte dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.

Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

PRADIEIRO
, O (Cordeiro)
O mesmo que "pradairo", unha árbore (acer pseudoplatanus). Este nome deriva do baixo latín platanariu.

PRADO DA GALIÑA (Cordido)
Posiblemente referido á existencia dalgún penedo. Ver "Fragaliña".


PRADO DAS LEAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente de orixe prerromana, da forma indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'.

Estaría relacionado con outros topónimos como "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co asturiano "Llena". Cremos improbable que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

PRAIA DO SARRIDO (Fazouro)
O dicionario define "sarrido" como "sitio areoso", lugar onde abunda o "sábrego" ("terra areosa que se forma pola descomposición do granito e que é moi empregada na construción). Cf. J. M. Pintos, 1865. "Vocabulario gallego-castellano".


O sufixo abundancial -ido indícanos un significado orixinario de "lugar onde abunda o sarrio". O "sarrio"  (port. e cast. "sarro") indica "borras, residuos, escoura". É palabra de orixe prerromana, que Corominas emparenta co vasco sarra 'escoura', e relaciónao etimolóxicamente con "sarna".

Atopamos outro "O Sarrido" na costa de Cambados, e unha "Punta do Sarridal" na de Cedeira. Ademais, coa mesma raíz e distintos sufixos abundanciais -oso, -edo, -eiro atopamos múltiples derivados na costa galega: eCangas "As Sarrentas" e "O Sarreiro" nunha mesma punta costeira  e noutras dúas "Os Sarrosos", en Ribeira "Sarreiras",  e no Porto do Son unha "Praia da Sarrosa" . Por outro lado hai un outeiro en Candeán (Vigo) chamado "O Sarrido", que podería ter a mesma acepción de "lugar areoso" ou ben a de "conxunto de escoura". Igualmente acontece coa variante "O Sarredo" en Riotorto e máis no Val do Dubra, correspondentes a zona de monte, para os que queda tamén a dúbida de se interpretalos como "escoural" .

Poderíamos interpretar "Sarrido" e "Sarredo" como variantes gráficas da pronuncia de *"Serrido", e *"Serredo", no sentido de "conxunto de serras ou montes"; no entanto, non atopamos os correspondentes  "Serrido", "Serredo" ou "Serroso" na xeografía galega, e por tanto consideramos cando menos improbable que tivese esta orixe.

PREGUIZA, A (Vilaronte)
O topónimo "Preguiza"  e relacionados teñen certa frecuencia na toponimia galega. Na Mariña o Nomenclator rexístrao en Viveiro, Cervo, Xove, Foz e Valadouro. A relativa frecuencia, non sae corresponde coa rareza coa que se debería dar se "preguiza" remitise ao sentido común desta voz.
Parece que na realidade a significación do topónimo é ben diferente. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").

O Padre Sarmiento xa falaba dela:
    “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”
Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).

Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 

En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" se referirían a unha "pereira preguiza".

PREGUNTOIRO, O
 (Vilaronte)

O nome deriva do latín medieval præcuntorium, sinónimo de promontorio' (cf. Du Cange).
Os varios topónimos Preguntoiro  existentes na xeografía galega aludirían á situación do lugar nun saínte entre augas, sexa unha zona entre ríos, ou para os costeiros un promontorio.
No caso que nos ocupa, corresponde claramente a un saliente, un estilo de promontorio, a punta que entra na ría, entre os rios Centiño e Masma
Ver artigo blog A Pena da Cataverna a entrada sobre Preguntoiro para máis detalles.

PRESURADA, A (Fazouro)
Na alta Idade Media, a "presura" era unha forma de apropiación territorial, unha "toma" de predios non labrados ou ben tomados durante a "Reconquista".
Un documento do Tombo de Celanova do ano 935 rexistra unha compraventa de varios predios, entre eles dous que foron obtidos por presura, un que tería feito Gundemaro, avó do vendedor , e outro o bisavó Avolino, polo  que as ditas presuras ocorrerían no Século IX:
 " .. Vendimus vobis in iamdicto loco duas nonas integras. Illa una nona habemus eam de avio nostro Gundemaro de sua presura, et alia nona que habeo de mea avia Entrudi qui fuit filia Avolini, simili modo a prima populatione presore. " - Tombo de Celanova, Documento 494 (935) 

PUMAREGA (Vilaronte, Cangas)
O mesmo que "pumar", finca plantada de maciñeiras/mazairas.

PUMARIÑO (Nois)
PUMARIÑOS (Cordido)
Indica un pequeno "pumar", un 'horto de froitas, xeralmente maciñeiras'.

PUNTA DO MÓGARO (Nois)
Ver "O Mógaro".

PUNTA DOS CAIROS (Foz)
O apelativo "cairo", neste caso, ao tratarse dun con, debe interpretarse na acepción de "dente canino", indicando a forma da rocha.


QUEIMAS, AS (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde houbo "queimas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza, nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Ver "A Cernada".


QUEIXAL, O (Cordido, Cangas)
Este topónimo, igual que os relacionados Requeixo, Queixoiro, Queixeiro, Queixado/a, Queixa,  son derivados do latín vulgar *capsĕŭm ‘da forma de caixa’. 
A motivación para o topónimo sería, por tanto, metafórica aludindo un lugar cun relevo de características análogas do "queixo" humano. ou sexa, cunha parte chá rematando nunha pendente pronunciada.

Etimoloxicamente, Edelmiro Bascuas interprétado doutro modo, e relaciona Requeixo co hidrónimo *rek-, tema que explica o termo rego e derivados (cf. E. Bascuas, 2000. "Rego y requeixo. Una pervivencia hispana de la raíz ind. er- ‘moverse", in Verba 27).

Tamén poderíamos interpretalo como "terreo pertencente a unha persoa referida como "Queixeiro", de oficio ou alcume, aínda que é máis improbable.

RAÚLFE (Santo Acisclo do Valadouro)
De (uilla) Ranulfi, forma en xenitivo de Ranulfus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.


RAÑADOIRA, A (Cangas)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. RAG.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.


REAL, O (Cordido, Cangas)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos.
Tamén pode indicar posesión do rei, en particular o paso dun "Camiño Real", vía de comunicación construída a cargo do Estado.

REGA, A (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. DdD). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas aquí.


REGO CEGO, O (Cordido)
Hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente nada que ver co adxectivo común "cego". Ver "Fonte Cega" para máis detalles.

REGO DAS LEAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Ver "Prado das Leas".


REGO DO ENCANTO (Cordido)
Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in "Terra de Melide". 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. blog O Noso Patrimonio. 
Bouza Brey indica que:
  “entre os diversos aspectos que presenta a crenza animista das augas, figura a que supón o poboamento destas por seres marabillosos, por xenios de carácter especial que na nosa terra acadan diferencias específicas. Nos nosos relatos tradicionais, cítanse en primeiro lugar os encantos que moran ademais de nas covas ou minas, nas fontes e nos ríos. Estes seres, no sentir dos nosos primitivos, son, en Galicia, homes e mulleres escravizados polo demo, que dispoñen de grandes tesouros, que andan moi ben portados e que non morren xamais; pero sempre están pensando na maneira de que os desencanten e os deixen, unha vez libres do poder demoníaco, vivir entre cristiáns.”

O termo "encanto" pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

REGO DO CANEIRO (Cordido)
Ver "CANEIROS".

REGOCHA, A (Cangas)
Unha "regocha" é definida no dicionario Luís Aguirre del Río (1858) como "rego que leva pouca auga".

REGUA, A (Santa Cilla do Valadouro)
Terreos que posiblemente terían pertencido á orde relixiosa de Bieito de Nursia, que segue a Regra ditada por este para a abadía de Montecasino.
A palabra "regua" deriva do latín regula, o mesmo que "regra", a forma usada polo xeral na actualidade.
Lembremos o caso da parroquia de Sta. María de Régoa (Cedeira), que está atestada como "Regula" na Idade Media (cf. aquí).

A REGUEIRA, A (Santa Cilla do Valadouro, Fazouro, etc)
Os dicionarios de galego definen regueira como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG).

REIRIZ (San Martiño de Mondoñedo)
De *(uilla) Regirici, forma en xenitivo de Regiricus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica.
En efecto, indica Piel que os topónimos Rairiz e Reiriz derivarían de Regirici, de ragin 'consello, decisión' e rikaz 'poderoso'. Indica tamén que a alternativa de provir de Ranarici, ademais de non estar rexistrada, probablemente daría **Rariz, o mesmo que dá Ramil a partir de Ranimiri. Cf. p.76 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.


RENDAS, AS (Fazouro)
Podería indicar o pago dunha renda ou foro, ou tamén podería provir do latín ranetam, lugar onde abundan as rás. Cf. e.g. p. 232 aquí.

RESTREBA, A (Cangas)
As "restrebas" son as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

RILLEIRA MOURA, A (Cangas)
Os dicionarios de galego definen "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén "respaldo do escano". Cf. DdD
Podemos interpretalo, xa que logo, como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
En canto a "Moura", semella difícil interpretalo para unha rilleira.

No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea.

RÍO MASMA (Vilaronte)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma Maseme.
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono "-ma", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo".
Juan J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. aquí), co cal formaría *mad-s-om-a ou *mad-sm-a cun significado como "o moi húmedo".

RÍO OURO (Santo Acisclo do Valadouro, Fazouro)
O río "Ouro" está documentado na Idade Media como Aurio.
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana e estaría na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea.

Non cremos probábel a interpretación doutros autores como F. Villar, que relacionaron este topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí, aínda que Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos).

Este río deu tamén nome ao topónimo Valadouro (< "Vale de Ouro").


ROCELLOS, OS (Santa Cilla do Valadouro)
Diminutivo de "roza". O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

ROZA LONGA, A (Cordido)
ROZA VELLA (Cordido, Fazouro)
ROZA VELLA, A (Cangas)
ROZAS VELLAS (Nois)
O termo "roza", do latín ruptia, refire a un "(monte da) roza", monte que se rozaba e cavaba para cultivalo con trigo ou centeo".
Ver "A Roza".

RÚA, A (Cangas, Vilaronte)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue. (cf. e.g. E. Rivas Quintas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982.

RUBAL (Santa Cilla do Valadouro)
Os topónimos Rubial, roibal e Rubal son, en xeral, interpretados como "(terra) rubal", "terra de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas.

Alternativamente, neste caso podería vir de "(terras) do Rubal", indicando o apelido ou alcume dun antigo posesor do terreo.

Tampouco podemos rexeitar,  tendo en conta a existencia de topónimos Rubal, Rubido e Robedo, que algún Rubal puidese corresponder cunha forma evoluída de robral, do latín roburalem, do mesmo modo que robedo (e reboredo) viría de roburetum. O paso de robral > robal, ou o de robredo >robedo, non sería extraño, por disimilación con haploloxía do "r", tal como ocorreu de aratru > arado, ou rostro > rosto. Porén, hai algúns topónimos "Rubial" que rexeitarían esta hipótese, polo menos nalgúns casos.

SA (Cordido)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", in "Historia de la lengua española". 2004).
Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. Roberts, E. A. e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SACIDE (Fazouro)
O mesmo que "Sacido", alude a un lugar no que abundan os salgueiros.

SAIRA (Nois)
Este topónimo, que dá nome a unha zona de prados, probablemente derive
 dun *salaria, coa raíz hidronímica indoeuropea *sal ‘sal, sucio ou auga axitada’ e mais o sufixo latino -aria, o cal ten ampla presenza na hidronimia de orixe prelatina. É de notar a terminación -aira, certamente indicativa, ao deixar constancia dunha fase intermedia *saaira. 
Os topónimos galegos derivados desta raíz hidronímica *sal foron estudados, entre outros, por Bascuas (cf. E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Na contorna temos outro topónimo probablemente "parente", a praia de Seiramar (Viveiro).



SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO (San Martiño de Mondoñedo)
Este lugar foi, como é sabido, o lugar orixinario do nome "Mondoñedo".  Aparece mencionado como Mindunietum no ano 877 ("loco qui Mindunietum vocatur", cf. P. Flórez, 1747 e ss., "España Sagrada").

A orixe deste topónimo foi amplamente estudada por E. Bascuas, que lle asigna unha orixe prerromana, nun composto mind-oniētum, no cal *mind- sería unha forma do celta galaico, que significaría "monte" (ou tamén "boca"), derivado da raíz indoeuropea *men- 'elevarse, sobresaír'. Para a segunda parte, oniētum, interprétao como hidrónimo, composto de oni-ētum, onde *oni sería unha forma celta *on-, cun significado similar a "charco", e -ētum o coñecido sufixo abundancial latino (co cal *onietum sería algo tal como "charqueira"). En base ao anterior, Bascuas dálle a mind-onietum un significado similar a "charca do monte, do alto". Cf. 
pp. 423 e ss. de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

SANTO ACISCLO DO VALADOURO (Santo Acisclo do Valadouro)
Con respecto a Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

En canto a "Acisclo", do latín Aciscŭlus,  trátase dunha forma castelanizada pola forma tradicional Acisco:
- No 1467  é referida como "Santo Açisco", incluso nun documento en castelán:
" .. de la iglesia llamada santo Açisco sita en el arçeprestadgo del Ualledoro .." (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
- Igualmente, no 1528 figura atestado como "Sante Cisco" no "Censo de Pecheros". Isto indica que a forma real da época seria "Santo Acisco" (pronuncia /Sant'Acisco/)
- Novamente en 1631 aparce como "San Açisco" no "Censo de la Sal".

SEARA, A (Cordido)
SENRA, A (Santo Acisclo do Valadouro, Nois)
Unha "seara" ou "senra" designa unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É voz de orixe prerromana, derivada dunha forma sénara, á que Corominas lle asigna unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SELA, A (Cordido)
O lugar tamén figura rexistrado como "Asela", o cal semella menos apropiado toponimicamente.
Sendo A Sela, probablemente aluda á orografía do lugar en forma de "sela" (lembremos que en galego "sela" é o asento de coiro para montar os cabalos). Esta é tamén a hipótese de E. Bascuas para a "Pena da Sela" en Suarna, na Fonsagrada. Cf. p. 312 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
O Nomenclator rexistra tamén unha "A Panda da Sela" en Muras, que semella  unha tautoloxía que confirmaría esta interpretación.

Aínda que poderíamos pensar nunha orixe nun Salella (diminutivo de Sala), ao non ser un núcleo de poboación, nin o de Muras nin o de Foz, pensamos que non é probable.

SEOANE (Vilaronte)
O nome deste núcleo de poboación, que forma parte de Vilaronte, refire ao patrón da parroquia, San Xoán. É, por tanto, un haxiotopónimo, derivado de Sanctus Iohannes (San Xoán).
Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.


SILVAROSA, A (Vilaronte)
Podería indicar un "lugar onde abundan as silvas". Aínda que os dicionarios non rexistran este termo, pois o habitual sería "silveira" ou "silveiral", si rexistran "silvaral", polo que silvarosa quedaría igualmente explicado, sendo ambos, -al e -osa, dous sufixos abundanciais.
Tamén hai, por outra banda, razóns para atribuírlle unha orixe no latín "Silva hederosa", "bosque con hedras". De feito, na Fonsagrada, existe un "Silvadrosa", moi probablemente con esa orixe (cf. J. M. Piel).
O Nomenclator rexistra outra "A Silvarosa" no concello de Viveiro.


SISTO
, O (Cordido)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de sextu para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería  anómala na evolución do galego, semella rexeitable. 

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBRADO (Santo Acisclo do Valadouro)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". 
Na toponimia alude á existencia dunha (casa de) sobrado, ou sexa, de dous pisos.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil"). 

Igualmente, vemos que no norte de Portugal tiña o mesmo uso, inclusive no S. XVI, diferenciando "casas de sobrado" son diferenciadas coas "casas terreiras", dun só piso. Na documentación antiga do norte portugués atopamos textos como:
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .."
 (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)

Xa J. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala). Cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953).

Tradicionalmente foi interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

É un topónimo frecuente en todo o contorno, presente en Ourol, Viveiro, Xove, Foz, Muras.

SORTES, AS (Cordido)
Unha "sorte" alude a unha propiedade resultante dun reparto ou fraccionamento dunha terra maior adquirida, ben de forma temporal ou permanente.
Aínda na actualidade, montes pertencentes a unha comunidade de veciños pode acordarse, para usos gandeiros ou agrícolas, que unha parte se aproveite temporalmente de forma individual mediante a distribución  entre os veciños de lotes, sortes ou parcelas (cf aquí).

Analogamente, os topónimos "Sortes" (e Sortelha) en Portugal foron igualmente interpretados como 'divisões da propriedade rústica'. Cf. "sorte", p. 1365, J. P. Machado, 1993. "Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa". Cf "Sortelha", p. 556, A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário"). 

O apelativo "sorte" deriva do latín sors, sortis ‘sorte ou capital de investimento’, que en romance adquiriu un senso de ‘parcela de terra’. En Cataluña son tamén abundantes os topónimos Sorts, Sortanella. 

SOURAL
, O (Cangas)
O nome deste coído podería ter unha orixe prerromana, paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *ser-, cun significado de "fluxo, corrente". Sería, por tanto, a mesma orixe que no caso do "río Sor" (atestado no ano 747 co nome Saure), e para o que E. Bascuas e outras fontes asignan esa orixe (cf. p. 40 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

SOUTO DE ANIDE (Cangas)
Ver "Fonte de Anide".

SOUTO DA CADOIRA (Nois)
Ver "Cadoira".


SUASBARRAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras', 'pola parte de baixo das barras'. 
Canto a "barras", tería o significado de "bancos de area na entrada do río". Aínda que improbable, alternativamente tamén podería ser "parras, emparrados" (cf. DdD).

SUVIÑAS (Santa Cilla do Valadouro)
Composto de "su Viñas", indicando un lugar situado "ao pé das viñas", por debaixo das viñas.


TALAIAS, AS (Fazouro)
Forma deturpada de "As Atalaias". Ver "A Atalaia".

TARANDEIRAS (San Martiño de Mondoñedo)
Posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). Os topónimos Taranco, Tarancón, foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Neste concello temos, tamén da mesma raíz, "O Tarango" e "Taro".

TARANGO, O (Cordido)
Posiblemente se trate dun topónimo de orixe prerromana.
Os topónimos Tarangón, Taranga, Taranco, Tarancón foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Cf. p. 280 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Existe o topónimo "Os Tarancos" no Viveiró, en Suaschousas, en Galdo, etc.

Neste concello temos, tamén da mesma raíz, "Tarandeiras" e "Taro".

TARO DOS SABOGOS (San Martiño de Mondoñedo)
Este topónimo refire a un accidente costeiro, polo que cremos que "Taro" pode estar relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). Os topónimos de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara- foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os derivados da raíz indoeuropea *ter- 'fregar, perfurar'. Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Neste concello temos, tamén da mesma raíz, "Tarandeiras" e "O Tarango".


Canto ao termo "Sabogos", posiblemente estea relacionado co apelativo "saboga", referente a un peixe pouco apreciado. Xa que logo, indicaría a abundancia deste tipo de peixe nese lugar.


TEIXOEIRAS, AS (Santo Acisclo do Valadouro, Nois)
Lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

TELLADA, A (Fazouro, Vilaronte, Santa Cilla do Valadouro)
Topónimo derivado do baixo latín tegulata. Podería indicar o obvio significado de "casa tellada", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza". No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral como "lugar abandonado e repoboado": xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas.

TELLEIRA
, A (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro, Cordido)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TESOURO
, O (Cordido)
Os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología, Sevilla).

No caso que nos ocupa tén interpretación clara: hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lexendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

TOMBO
, O (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "tombo" tén varias acepcións. Probablemente, neste caso tén a acepción de "lomba, ribazo", ou tamén a acepción de "tumba".

TORRE, A (Vilaronte, Fazouro)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

TORRELLÓN (Vilaronte)
A priori, o termo parece derivado de "torre". Sendo un núcleo de poboación, podería ter sido unha torre de vixilancia, ou ben restos de castro.
Aínda que esa interpretación prevalece, ao non dispormos de documentación antiga do lugar, tampouco podemos deixar de considerar a posibilidade dunha orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse', cun significado semellante ao de "barranco", tal como ocorre no "Torrillón" nas Negradas (cf. Toponimia do Vicedo).


TRAPA, A (Santa Cilla do Valadouro)
A interpretación máis probable é a de que aluda a un lugar onde se puña unha trampa para cazar animais, en particular para cazar lobos.

O dicionario tamén recolle a acepción de "
Pequena madeira, accionada por medio dun largueiro, para cortar a agua do muíño", que podería encaixar. Cf. DdD.

VAGO, O (Fazouro)
De "terreo vago", do latín vacuus " terreo inculto". Segundo o dicionario, "campo labrado, pero baldío, sen fruto". Cf. DdD.
Non ten que ver con "folgazán" nen con "bago" de uvas.

VAÍL (Vilaronte)
Posiblemente de (uilla) Badilli, forma en xenitivo de Badillus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Aínda que para este nome descoñezamos atestamento na Galiza, si está documentado na Galia (cf. aquí). No entanto, é apenas unha hipótese.

VAO (Santa Cilla do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)

VAOS (Vilaronte)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

VARGADO (Foz)
O apelativo "bargado" indicaría unha empalizada, lugar valado de estacas. Cf. DdD.


VEDRAL (Cangas)
VEDRAL, O (Cordido)

Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta de nome científico amaranthus blitum.
Alternativamente, de  "conxunto de vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo" (cf. DdD).

VEDREIRA, A (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 


VEDRÓN
, O (Cordido)
VEDROS, OS (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo" (cf. DdD). 
No caso de "Vedrón" trátase dun aumentativo de "vedro". 

VEIGA DA RAÑA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.
Raña é un topónimo relativamente frecuente, cuns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc. O seu sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras". Cf. DGPE.
No dicionario figura "raña" como "Terreo alto e de monte pobre" e como "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Rivas suxere para o topónimo un tema paleoeuropeo *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar". Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín"
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.


VEIGA DA PATEIRA (Vilaronte)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións. Para un topónimo, as de mellor encaixe son as de "pequena lagoa ou poza na que paran os patos selvaxes", e mais a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) no que se crían patos, capóns, etc". Cf. DdD. 
Tamén A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima"). Igualmente Joseph M. Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

En conclusión, máis aínda neste caso tratándose dunha veiga, este zootopónimo remitirá a un lugar no que paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que alí habería.

VEIGA DE AMARANTE (Cordido)
O termo "Amarante" deriva do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle", e que acostuma estender o seu uso a "vale, veiga, etc", como ocorre cos demais hidrónimos paleoeuropeos.
Este topónimo "Amarante" foi estudado por E. Bascuas, que o deriva da forma *amara, co sufixo -nt- frecuente en nomes prerromanos de ríos e derivados. Cf. p. 216 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

VEIGA DE CANDÍN (Nois)
Derivado de Candini, forma en xenitivo de Candinus, nome do antigo posesor.


VEIGA DE DONELA (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "Donela" alude ao nome dunha antiga posesora da veiga. É un nome atestado na Idade Media. Así está atestada no ano 956 no Tombo de Sobrado:
   " .. et in uilla Abolini portione de Donnella integra, .." (cf. CODOLGA).
Igualmente no 1008 en Coímbra:
 ".. frater Carinto et uxor mea Donela .." (cf. CODOLGA).

VEIGA DE ESCANLAR (Foz)
Ver "Escanlar".

VEIGA DE REQUEIXO (Santo Acisclo do Valadouro, Fazouro)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD) ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

VEIGA DE SOUTOMEAO (San Martiño de Mondoñedo)
O  termo "Soutomeao" vén do sintagma Souto Meao. O termo "meao", era a forma medieval por "mediano", "do medio". Por tanto, este topónimo indica "lugar do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares. Tamén hai casos nos que "meao" parece que máis ben aludiría á súa situación a media altura dunha elevación ou monte.

Alude por tanto a un souto situado entre dous lugares ou a media altura dun monte.

VELIÑO, O (Cangas)
Transcrición alternativa de "O Valiño" 'pequeno val'.

VELOSA, A  (Santo Acisclo do Valadouro)
Probablemente procedente do adxectivo (terra) *abellanosamRivas Quintas considera o homófono O Beloso de Marín “tema escuro” e dá como posibles étimos *bel- / vell- ‘bo’, *bela, belesa ‘herba narcótica’, *bel ‘negrura’ (cf. E. Rivas "Toponimia de Marín", in anexo 18 de Verba. 1982).

VENTÍN (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Valentini, forma en xenitivo de Valentinus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola") , nome de orixe latina.

VER (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Valerii, forma en xenitivo de Valerius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. Alternativamente, de *(uilla) Baderii, dun posesor chamado Baderius, nome tamén de orixe latina.

O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

VIGO (Vilaronte)
Topónimo de orixe ben coñecida, do latín vicus 'aldea'. É frecuente en Galiza, de feito atopamos outro no concello de Viveiro e outro en Ribadeo.

VILABOR (Vilaronte)
De Uilla Avioli, forma en xenitivo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola), nome de orixe latina.
Tería pasado por un estadio intermedio con nome Vilabol, do que pasaría a Vilabor por disimilación do segundo -l-.

VILACENDOI (Cangas)
De uilla Sendoni, derivado do nome do antigo posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) chamado Sendo(ne), nome de orixe xermánica. É homónimo do "Vilancedoi" de Bocamaos, rexistrado como Uilla Sendoni xa no ano 760 (cf. p. 928 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". 2011).
En Galiza atopamos topónimos "Cendoi", "Cendón", e "Sendón", o cal parece reforzar esta hipótese.
Alternativamente, podería vir de uilla Kindoi, dun antigo posesor chamado Kindoi, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí. Xa J. Piel e D. Kremer, no seu "Hispano-gotisches Namenbuch" vencellaron co xermánico *kindins 'guía, xeneral' os topónimos do estilo Cendoi, Cendón, etc.

VILACIZAL (Santa Cilla do Valadouro)
Tamén chamado "Vileizal". De "Uilla Caesarii", referido ao nome do antigo posesor  da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) chamado Caesarius, nome de orixe latina.
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares (cf. p. 560 de "Estudos de toponimia galega". 2011).
Existe outro "Vilacizal" próximo en Benquerencia.

VILEIZAL (Santa Cilla do Valadouro)
Ver "Vilacizal".

VILAMOR (Cangas)
De uilla Mauri, forma en xenitivo de Maurus, o nome dun antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe latina (cf. p. 1188 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". 2011).
De feito, figura atestado como Villa Maur nun diploma do Tombo de Lourenzá datado en 969.

VILAR (San Martiño de Mondoñedo)

VILAR, O (Nois)
VILARES (Vilaronte)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla (explotación agrícola, granxa) da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.


VILARONTE (Vilaronte)
Indica unha uilla medieval (
casal, granxa, explotación agrícola), asociada ao nome do posesor. Posiblemente se trate dunha "uilla Aruntii"uilla altomedieval pertencente a Ar(r)untius (cf. Kajanto. "The Latin Cognomina").
Con todo, estabelecer o nome concreto é controversoNicandro Ares derívaa de Arontii, Rontii ou Runtii, formas en xenitivo respectivamente de ArontiusRontius ou Runtiius, de orixe romana (cf. p. 369 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega".  2011).
Alternativamente, pode derivar de uilla Gerontii, dun antigo posesor da uilla chamado Gerontius, nome de orixe latina (cf. Miguel Costa en blog frornarea). 

Aparece atestado en 1205 como Uillarenti :
 .. et in sancto Iohanne de Uillarenti ecclesiastica et laicalia ... (CDMACM 26: 47)
Figura en 1370 como Vilarunti

VILARMEA (Fazouro)
Este topónimo, documentado en 1258 como "Villa Armea", foi estudado por E. Bascuas. Este autor atribúelle unha orixe en Armena, un hidrónimo formado a partir do elemento antigoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'.
Tería, por tanto, a mesma orixe que o actual Armea en Láncara (Lugo) dun rivulo Armena. Cf. p. 46 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

VILASINDRE (Cangas)
De *Uilla Sindi, a forma en xenitivo de Sindus, que correspondería co nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. 

O nome Sindus é de orixe xermánica, aínda que non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe. 
É de notar que a inserción do -r- é un fenómeno relativamente común, que ocorre con outros topónimos como "Gocendre" < *(uilla) Godesindi

Este topónimo foi xa estudado por varios autores como Martínez Lema (cf. P. Martínez, "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012).

VILATUIXE (Santa Cilla do Valadouro)
De *Uilla Teudiscli, ou de *Uilla Todiscli ou de Uilla Theodigii, sendo Teudiscli/Todiscli/Theodigii a forma en xenitivo do nome do antigo posesor da uilla 
(granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. 
Os tres posíbeis antropónimos mencionados, Teudisclus, Todisclus, Theodigius, son de orixe xermánica, aínda que iso non quer dicir en absoluto que o posesor tivese tal orixe, xa que os nomes de orixe xermánica eran comúns na Alta Idade Media.

VILAXOANE (Foz)
De Uilla Iohanni, dun antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. chamado Iohannes, nome de orixe hebraica, do cal derivan os actuais nomes "Xoán" e "Xan".

En efecto, aparece atestado como  Villa Iohanni nun documento do ano 1015 do Tombo de Lourenzá (cf. N. Ares, "Vilas antigas no Tumbo de Lourenzá").

VILELA (San Martiño de Mondoñedo)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela.

O termo vila, do latín uilla, foi aplicado na documentación antiga galega aos casais ou granxas rurais. Posteriormente triunfou a acepción de "poboación de tamaño medio".

Dada a antigüidade do topónimo, atestada polo antigo sufixo -ela, debeu ter aludir a un pequeno casal, granxa

VINTUEIRA (Fazouro)
VINTUEIRO (Nois)
Probablemente transcrición da pronuncia local actual de "Ventoeira", "Ventoeiro", indicando un lugar ventoso.


XÁCAMO, O (San Martiño de Mondoñedo)
Topónimo que moi probablemente remite a un "Xácomo", nome dun antigo posesor do lugar, chamado Iacomus, da mesma orixe que Xácome, Xacobo, Iago, ou Sant-iago.

XASTAL
, O (Santa Cilla do Valadouro)
Transcrición da pronuncia común de "xestal", terreo onde abundan as "xestas", co sufixo abundancial "-al".

XINZO (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "Xinzo", relativamente frecuente en Galiza, deriva de Genesio, nome de santo cristián (cf. p.384 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).


Este Xinzo figura atestado no 1484 no 
 ".. Eu Juan Dorado de Ginzo notario por la autoridad ordinaria doy fe en commo Arias Peres de Billadonga ..  (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo".204: 421)

XONCEDO (Cangas)
Lugar onde abunda a planta chamada "xonza" ou "xunza", latín iuncea, nome científico Cyperus longus.


ZAMOI (Fazouro)
Probablemente derivado de *(uilla
) Salomoni, forma en xenitivo de Salomone, nome bíblico, que indicaría o antigo posesor do terreo.
A evolución Salomoni > Saomoni > Somoe > Samoi > Zamoi. Non revestiría maior problema, coa caída dos -l- e -n- intervocálicos, propias do galego, e a disimilación Somoi >Samoi por disimilación de vocal. Así mesmo, o paso do S- para Z- non é extraño en galego (zaramago, zugar, ..).
En calquera caso, dada a falta de documentación antiga que o ateste, esta orixe non deixa de ser unha hipótese.
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, a forma en xenitivo puido seguir a un agru/fundu; no entanto, aínda que na actualidade non haxa núcleo habitado, puido habelo no período altomedieval.

ZARZA, A  (Santa Cilla do Valadouro)
O nome deste núcleo de poboación fai referencia ao apelativo "zarza", a planta comunmente chamada "silva". En efecto, "zarza", de orixe posiblemente prerromana, foi substituído en galego pola forma "silva". É, por tanto, un fitotopónimo, recollido por Navaza na súa obra de fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Hai outro "A Zarza" en Guimarás (Muras).


Ningún comentario:

Publicar un comentario